NOTICIAS A LIMIA | Xinzo investirá 15.000 euros en novos pasos de peóns e pintar outros
O Concello de Xinzo de Limia anunciou este sábado un investimento de 15.648 euros na creación de novos pasos de peóns, no repintado dos existentes e na sinalización de prazas de aparcamento para as persoas con mobilidade reducida, así como as liñas amarelas que restrinxen o estacionamento.
“Son unhas obras moi demandadas polos veciños e levaranse a cabo coa maior brevidade posible. Tamén está previsto pintar novos pasos de peóns en zonas moi transitadas por escolares”, comenta concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Ramón Gómez, nunha nota de prensa difundida polo Concello.
O goberno local tamén informa que a actuación xa foi adxudicada, e que as obras comezarán “cando cesen as xeadas ocasionadas polas baixas temperaturas e as precipitacións que se agardan para os próximos días”.
Os novos pasos de peóns crearanse nas inmediacións do CEIP Rosalía de Castro. Concretamente, haberá un novo emprazado na confluencia entre a rúa Celso Emilio Ferreiro coa San Sebastián e outro na confluencia entre a vía Álvaro Cunqueiro coa San Sebastián. Trátase dunha zona que percorren a diario moitos estudantes e na que o Concello de Xinzo de Limia quere extremar a seguridade.
“Co anuncio da renovación da sinalización horizontal dáse un paso máis en prol da seguridade viaria”, subliña o goberno municipal no comunicado. E lembra que nas últimas semanas, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e o concelleiro de Tráfico, Ramón Gómez, presentaron o Plan de Seguridade Viaria, que inclúe unha campaña informativa que se está a intensificar nas redes sociais e no que se enmarca un novo proxecto para renovar a sinalización horizontal.
Esta mesma semana, 135 os mozos do IES Lagoa de Antela participaron nunha xornada de concienciación organizada pola Xefatura Provincial de Tráfico a petición do executivo local, recorda o Concello de Xinzo.