NOTICIAS A LIMIA | Xinzo recolleu nesta tempada un 20 % máis de patacas que no ano anterior
A campaña da recollida da pataca na Limia chegou ao seu fin nos últimos días do mes de outubro. Dende o inicio da colleita -a mediados de setembro- , calcúlase que se apañaron uns 130 millóns de kilos do tubérculo. Unha cifra exitosa que superou considerablemente aos datos do ano anterior, tal como di o Concelleiro de Medio Rural de Xinzo, Amador Díaz, " recolliuse un 20 % máis que o ano pasado".
Ademais, uns 30 millóns dos kilos colleitados do tubérculo destacaron por estar destinados á categoría de denominación de orixe.
A anada desta tempada goza de gran calidade e presenta un tamaño moi homoxéneo. Esta boa situación débese grazas ao tempo estable que tivo lugar durante o verán e ás temperaturas pouco elevadas que presentou a estación. A pataca non padeceu o "estrés" de sufrir treboadas e fortes tormentas nin se viu sometida a graos moi contrastados. "Este é un ano espectacular, temos una pataca moi homoxénea" anunciou Pablo Fernández de Patacas Fritas Jalys.
O empresario tamén aproveitou para destacar a produción do tubérculo en Xinzo, defendendo que "de toda España, a nosa pataca é das mellores que hai (...) tanto polo seu sabor, textura e fritura, como pola súa conservación" .