A CGT considera que a razón esgrimida pola empresa foi unha escusa para botar a quen reclamaba os seus dereitos

NOTICIAS A LIMIA | Un xuíz obriga a unha gasolineira a readmitir unha traballadora despedida por fumar

Estación de servizo en Xinzo na que traballa a muller. | FOTO: Diario do Limia.

A veciña de Xinzo, M.D.T.C., afiliada á CGT (Confederación General del Trabajo) e traballadora da estación de servizo da empresa Limiater na N-525 con bandeira de Cepsa, será readmitida no seu posto de traballo por decisión xudicial, que considerou improcedente o seu despedimento e ofreceu a empresa a posibilidade de indemnizala cunha cantidade ao redor dos 22.000 euros, alternativa que rexeitou.


A traballadora foi despedida a comezos de novembro pasado, despois de levar unhas semanas de baixa laboral. A empresa argumentou que a M.D. fumaba dentro das instalacións da estación de servizo. O xuíz Blanco Mosquera, maxistrado do Xulgado do Social nº1 de Ourense, estima na sentenza que a empresa coñecía esta circunstancia, na que tamén incorrían outros traballadores, e toleraron esas condutas.


Na sentenza, o xuíz indica que non é lóxico que despois de ver a muller fumando, tanto o empresario como a encargada, non tiveran revisado as gravacións inmediatamente, e esperaran meses, e xusto cando a traballadora estaba de baixa, para facelo.


E o texto subliña que a empresa “toleraba” que a traballadora “puidera fumar no recinto da estación de servizo, e que tal conduta impide que poida ser despedida validamente”, indicando a continuación que o que debera ter feito a empresa “é advertir á traballadora de que non volvera facelo, pois se non sería obxecto de sanción”.


M.D.T.C., de 57 anos e cun fillo ao seu cargo, leva 14 anos traballando na gasolineira. A súa xornada é de 8 horas en quendas de mañás, tardes ou fins de semana. Desde outubro pasado, cando acudiu ao médico por unha lumbalxia, está de baixa. Conta con reincorporarse nos próximos días.


“Desde o principio tiña moi claro que non me ían despedir así como así”, conta ao Diario do Limia. “Aos poucos días de coller a baixa, o xefe envioume un Whatsapp para que fose falar con el. Fun esa mesma tarde”. O punto terceiro dos feitos probados que recolle a sentencia di: “comunícalle que está despedida por fumar na gasolineira e que lle ofrece 1.000 euros e arranxar os papeis para que poida percibir a prestación por desemprego”.

"É duro. Pero fun adiante e vou seguir porque ninguén me pode negar o que é meu, polo que levo loitando, e polos meus”, di a traballadora.

Fallo da sentenza (con datos borrados).

Javier González, responsábel de acción social da CGT en Ourense, explica que levaban seguindo a situación da traballadora desde hai tres anos. “Foron a por ela. Foi a desculpa que toparon para quitarse de enriba a unha traballadora que reclamaba os seus dereitos. Para ela e para o sindicato é unha vitoria. E non vai estar soa. Sabemos que a reincorporación non vai ser fácil para ela. Pero debe manter a calma e saber que non está soa”.


M.D.T.C. confesa que ten “certa preocupación”, di que é unha muller “forte”. “Mais toda esta situación vai facendo efecto. É duro. Pero fun adiante e vou seguir porque ninguén me pode negar o que é meu, polo que levo loitando, e polos meus”.