Substitúe no cargo a Félix Rubial

NOTICIAS XINZO | Sanidade nomea a José Santiago Camba novo xerente en Ourense

O traumatólogo José Santiago Camba. | FOTO: O Sil.

A Consellería de Sanidade vén de nomear a José Santiago Camba Bouzas novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Substitúe no cargo a Félix Rubial Bernárdez.

 

Nado en 1960, Camba Bouzas é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e está especializado en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía. Conta con praza como médico de Urxencias e tamén do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica e cun diploma en Alta Xestión Hospitalaria da Escola Galega de Administración Sanitaria.

 

Foi director xeral de Xuventude da Xunta de Galicia entre os anos 1990 e 1995 e vicepresidente da Deputación provincial de Ourense entre 1995 e 2001, cargo que compatibilizou coa Vicepresidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias. Entre 2000 e 2001 foi director provincial do Servizo Galego de Saúde en Ourense e, entre 2009 e 2012 foi secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

 

Ocupou postos de responsabilidade nas Embaixadas de España en Brasil, Venezuela, Argentina, Colombia e República Dominicana.

 

Na actualidade viña exercendo como coordinador cirúrxico e traumatólogo no Hospital do Barco de Valdeorras.

 

José Santiago Camba Bouzas é coautor de máis de 20 estudos de Medicina, Cirurxía, Ortopedia e Seguridade Social en publicacións científicas e revistas especializadas nacionais e estranxeiras.