Este anuncio fíxoo diante do presidente provincial, Manuel Baltar

NOTICIAS XINZO | Pedro Puy sitúa a Antonio Fernández como candidato do PP á alcaldía de Xinzo

Antonio Fernández, portavoz do PP no Concello de Xinzo, será o candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións. | FOTO: Noelia Caseiro.

O portavoz do Grupo do Partido Popular no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, deu por feito na súa visita a Xinzo deste luns que Antonio Fernández, o portavoz municipal na localidade, será o candidato do seu partido á alcaldía nas eleccións de maio.

Os deputados autonómicos mantiveron a súa reunión semanal na localidade para logo visitar o Museo Galego do Entroido e a exposición "Os mundos de Carlos Casares", polo que Puy aproveitou para agredecer a invitación de Fernández e sinalou que "vai encabezar a lista para as vindeiras eleccións". No acto tamén estaba presente o presidente dos populares en Ourense, Manuel Baltar.

 

A falta de confirmación oficial, as verbas de Puy dan por feito que será o candidato dos populares. Deste xeito, Fernández uniríase a Camilo Vila, quen será o cabeza de lista por parte do BNG; e a Amador Díaz, de ÁXIL. Ademais, nas vindeiras eleccións municipais, Democracia Ourensana tamén contará con represetantes nos comicios, como confirmou o pasado 28 de decembro Gonzalo Pérez Jácome, actual alcalde do Concello de Ourense e candidato á reelección na cidade.