A campaña rematará o xoves 19 co reparto de premios na Praza Maior

NOTICIAS XINZO | Arranca a semana de compras no comercio local para un sorteo de 900 euros

Establecementos comerciais na Avenida de Madrid, en Xinzo.

Hoxe comezou en Xinzo de Limia a campaña Mercar no teu comercio ten premio. Cada compra no comercio local de Xinzo dará dereito a participar no sorteo de oito premios que se celebrará o próximo xoves, día 19, ás 20:00 horas na Praza Maior. Cada ticket de compra poderá ser canxeado por rifas (polo valor da compra) para o sorteo ese mesmo día na carpa que na praza instalará a Federación de Comercio de Ourense a partir das 18:00 horas.


A asociación de comerciantes ProLimia colabora na organización en Xinzo. Os premios que se distribuirán consistirán en oito tarxetas regalo: 2 de 300 euros, e 6 de 50 euros cada unha. Os gañadores poderán utilizalas para realizar compras no comercio de Xinzo.


As premiadas e premiados deberán estar presentes durante o sorteo para recibir os seus premios. Mercar no teu comercio ten premio estará vixente desde hoxe, 13 de outubro, até o próximo día 19. A campaña, na que tamén colaboran a Xunta de Galicia e a entidade financeira Abanca, celebrarase en diferentes vilas do país durante esta segunda quincena de outubro.