A formación nacionalista celebrou o seu mitín central

O BNG de Xinzo busca un "Xpazo" en Europa

Camilo Vila, Mirian Opazo, Bieito Lobeira e Sonia Vidal.

O BNG de Xinzo celebrou un encontro coas candidatas ao Parlamento Europeo nos comicios do vindeiro 9 de xuño.



O voceiro municipal, Camilo Vila, foi o encargado de dar a benvida e iniciar o acto no que tamén interviñan a deputada no Parlamento de Galicia, Sonia Vidal; a candidata limiá ás europeas, Mirian Opazo, e o candidato Nº. 2 e ex-responsable nacional da organización, Bieito Lobeira.

Camilo Vila, no mitin do BNG no Xpazo.



"A Limia estivo representada nas eleccións xerais por Alba Feixóo, nas galegas por Xaira Pena e agora, nas europeas, por Mirian Opazo", expuxo Vila, "isto reforza a presenza e recoñecemento do BNG de Xinzo e da comarca".


Seguidamente, a parlamentaria Sonia Vidal, reafirmou a idea do representante das nacionalistas limiás en canto ao forte compromiso da organización coa defensa dos intereses da Limia, apuntando ás diferentes iniciativas que xa ten rexistrado o grupo do BNG no Parlamento, como as cuestións referidas á falta de pediatras no Centro de Saúde de Xinzo ou ao Plan Estratéxico da Limia.

A parlamentaria Sonia Vidal.



"Hoxe -polo sábado-, en Palas de Rei, milleiros de persoas manifestamos o noso rexeitamento á macrocelulosa que Altri, da man do goberno da Xunta, quere instalar na comarca da Ulloa. No noso concello, hai uns anos ocorreu unha situación semellante", iniciaba a súa intervención a candidata da Limia, Mirian Opazo, facendo referencia á defensa que a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo da loita dos veciños e veciñas da Limia ante o proxecto de construción dunha contaminante mina de feldespato no Corno do Monte. 

Mirian Opazo falando no "Xpazo".


"No BNG temos o mellor aval para pedirmos o voto nestas eleccións europeas: o aval do traballo incansable de Ana Miranda, que foi, ao longo destes anos, a voz de tódalas galegas e os galegos en Europa", afirmou Opazo, "Cando o 9 de xuño collamos a papeleta do BNG podemos confiar en que haberá en Bruxelas unha voz forte que, cos pés na eurocámara, habita o mundo coa cabeza e co corazón na terra".


Finalizou o acto o candidato Nº. 2 ás eleccións europeas polo BNG, Bieito Lobeira. O marinense fixo unha exposición dos agravios aos que a UE ten sometido a Galicia: "Dixéronnos que tiñamos un sector naval sobredimensionado, un sector pesqueiro sobredimensionado, un sector agrogandeiro sobredimensionado... Isto non pasou con ningún outro pais", apuntou Lobeira, "por iso é importante ter voz en Europa, para defender a nosa produción". Tras esta defensa, o candidato concluíu a súa intervención falando do posicionamento do BNG sempre a prol dos dereitos humanos e sociais, e solidarizándose co pobo de Palestina.

Bieito Lobeira, finalizando o acto do Bloque Nacionalista Galego.