Sufragar todos os gastos suponlle ao Concello un elevado importe do seu orzamento

NOTICIAS XINZO | O BNG pedirá no parlamento que a Xunta pague os custes do Conservatorio

Mirian Opazo, Camilo Vila, Sonia Vidal e Manuel Pozo.

O BNG de Xinzo de Limia traballou nas últimas semanas na proposta nacional do Bloque para presentar unha iniciativa no Parlamento Galego e reclamar á Xunta de Galicia que asuma a xestión e o custo do conservatorio municipal de Xinzo por ser unha competencia da administración galega que está asumindo o Concello con recursos municipais. O que redundaría, ademais, nunha mellora do servizo para o alumnado e unhas mellores condicións para o profesorado. 

Camilo Vila e Manuel Pozo, concelleiros en Xinzo, acompañados da deputada no Parlamento Galego, Sonia Vidal, informaron de que a iniciativa será presentada co apoio de sinaturas de familias usuarias do Conservatorio, así como de veciñanza que apoia esta reivindicación. 

"A formación que se presta no Conservatorio é fundamental para moitas familias", sinalou Camilo Vila, que lamentou que "mentres o Concello asume os custos deste servizo que lle corresponde á Xunta, conta con menos recursos para atender os servizos municipais e as necesidades da veciñanza".

A deputada Sonia Vidal incidiu nos "prexuízos que causa para os concellos este abandono do goberno do PP na Xunta". A parlamentaria nacionalista declarou que "os Conservatorios de música municipais representan na actualidade unha carga económica importante para os Concellos que os asumen e ademais supoñen un problema para a súa xestión e unha discriminación para o alumnado e o profesorado, ao non contar cos mesmos recursos que os Conservatorios que xestiona a Xunta".

Así mesmo, o Bloque insta á Xunta a que, en tanto planifica a asunción das súas competencias, convoque axudas para que os Concellos poidan cubrir os custos da súa xestión, colabore na substitución ou cobertura de prazas vacantes ou que proporcione as ferramentas informáticas que se precisen.

Actualmente o alumnado do Conservatorio de Xinzo supera as 130 matrículas e conta cun equipo de 10 profesores e profesoras.