NOTICIAS XINZO | A Civitas Limicorum leva os xogos romanos ás escolas
A Asociación Cultural Civitas Limicorum vén de realizar esta semana unha actividade didáctica nos centros educativos de Xinzo de Limia, o CEIP Carlos Casares e o CEIP Rosalía de Castro, para achegar á infancia un dos xogos tradicionais da época romana: "O Muíño". Esta iniciativa contou coa colaboración da empresa de danza e ximnasia Gravitty, de Lugo, e co apoio da Área de Xuventude do Concello de Lugo.
O xogo do Muíño, semellante ao actual Tres en Raia, forma parte dos xogos de taboleiro practicados na Antigüidade e permite unha aproximación lúdica e interactiva á cultura romana e galaica. Durante as visitas aos centros, Gael Zarza, de Gravitty Lugo, explicou as regras do xogo, ofrecendo tamén charlas sobre o contexto histórico e a importancia dos xogos na sociedade da época. Posteriormente, o alumnado participou en partidas para aprender a mecánica e familiarizarse coa estratexia do xogo.
A proposta non remata aquí, xa que cada colexio organizará unha competición interna para escoller os seus campións, que se enfrontarán nunha final local. Os mellores xogadores de Xinzo representarán á vila nunha gran final que se celebrará o 21 de xuño en Xinzo de Limia, onde competirán cos campións de Lugo, que participan nesta iniciativa con 24 centros educativos.
O presidente da A.C. Civitas Limicorum, Marcos Argibay, destacou a relevancia deste proxecto dentro do 25º aniversario da asociación: "Este ano, máis que nunca, estamos traballando para expandir e consolidar a nosa labor divulgativa. Queremos que a nosa historia sexa coñecida, defendida e recreada de maneira saudable e didáctica, desde idades temperás, para que as novas xeracións se involucren e participen na Festa do Esquecemento".
A iniciativa enmárcase dentro do Annus Argenteus, a celebración do cuarto de século da asociación, e prevese que en futuras edicións se incorporen outros xogos históricos como o "Seaga" ou o "Soldado", que tamén formaban parte do entretemento na época romana.
A final do 21 de xuño será un evento aberto ao público, ofrecendo unha oportunidade única para que a veciñanza de Xinzo e Lugo coñeza de preto esta vertente lúdica da historia. Desde a A.C. Civitas Limicorum anímase a toda a comunidade educativa e ao público en xeral a asistir e gozar desta competición que pon en valor o pasado a través do xogo.