Melloras en accesibilidade, espazos de estudo e oferta cultural

NOTICIAS XINZO | O Concello acomete unha importante reforma na Casa da Cultura

Reformas na Biblioteca municipal de Xinzo de Limia.

A Casa da Cultura de Xinzo está inmersa nun proceso de renovación destinado a optimizar os seus espazos e facilitar o acceso ás instalacións para toda a veciñanza. O conxunto das actuacións, que superan os 100.000€ de investimento, están financiadas mediante un convenio entre a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e a concellería de Cultura de Xinzo de Limia; e unha subvención da Consellería de Presidencia.

Un dos principais avances é a creación de novas aulas de estudo no segundo andar, integradas na área da biblioteca. Estas instalacións responden á crecente demanda de espazos para o estudo e ofrecen condicións adecuadas para o traballo individual ou en grupo. Paralelamente, a propia biblioteca está experimentando estes días unha renovación profunda que inclúe a incorporación de novo mobiliario —mesas, cadeiras e estanterías— e a restauración do pavimento de parqué, ao que lle están aplicando un proceso completo de pulido e vernizado. Como parte das melloras realizadas, tamén se ampliou o fondo bibliográfico da biblioteca, cunha aposta destacada polos libros en lingua galega.

Obras na Casa da Cultura de Xinzo de Limia.

 

De cara ao futuro inmediato, abordarase unha das demandas históricas das persoas usuarias: a instalación dun ascensor. Este equipamento, fundamental para garantir o acceso ás plantas superiores do edificio, permitirá eliminar as actuais barreiras arquitectónicas e facilitará a mobilidade, especialmente para aquelas persoas con maior dificultade de acceso.

Finalmente, cabe destacar o traballo de recuperación de varias aulas que permanecían inutilizadas ao seren empregadas como almacén. Estes espazos, agora liberados e acondicionados, serán destinados a ampliar a oferta de actividades culturais e educativas da Casa da Cultura, tal como se vén facendo co Clube de Lectura Antelea.

Obras na Casa da Cultura de Xinzo de Limia.