NOTICIAS XINZO | Taquillas intelixentes para o comercio local
Xinzo de Limia dá un paso máis na modernización do seu tecido comercial coa instalación de taquillas intelixentes no centro da vila. Trátase dunha iniciativa promovida pola Deputación de Ourense, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU. O obxectivo principal deste proxecto é optimizar a canle de distribución dos establecementos locais, facilitando a entrega e recollida de produtos fóra do horario comercial.
Este sistema de taquillas permite que os clientes recollan os seus pedidos con total flexibilidade, a través dun código QR facilitado polos propios comercios adheridos ao servizo. Deste xeito, preténdese favorecer a competitividade do pequeno comercio, adaptándoo ás novas dinámicas de consumo e mellorando a accesibilidade e comodidade dos usuarios.
Obxectivos do proxecto
A instalación destas taquillas en Xinzo responde a unha estratexia global que tamén abrangue outras comarcas da provincia. Entre os obxectivos concretos desta medida destacan:
• Mellorar a experiencia de compra e venda a través da dixitalización e a implementación de solucións innovadoras.
• Apoiar o comercio local mediante novas fórmulas de distribución e mobilidade sostible.
• Potenciar o consumo de produtos de proximidade, promovendo o comercio de quilómetro cero e os establecementos sostibles.
• Permitir a flexibilidade horaria, adaptándose ás necesidades da clientela e garantindo un acceso sinxelo aos pedidos.
• Mellorar a accesibilidade, facilitando o uso destas infraestruturas a persoas con discapacidade ou con limitacións de mobilidade.
Ademais, o servizo contempla a loxística inversa, permitindo que os clientes poidan devolver ou intercambiar produtos mediante o uso das taquillas, simplificando os procesos tanto para compradores como para comerciantes.
Nos vindeiros días manterase unha reunión co comercio e posteriormente proporcionarase máis información sobre os establecementos adheridos ao servizo e os detalles de funcionamento desta nova infraestrutura. Con esta medida, Xinzo de Limia continúa apostando pola innovación e a modernización do comercio local, garantindo un servizo máis eficiente e accesible para a veciñanza.