O delitos contra o patrimonio aumentaron no 2024

NOTICIAS XINZO | O Concello contratará catro vixiantes para reforzar a seguridade no Entroido

Xunta local de seguridade para o Entroido 2025.

O secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Ourense, Manuel Arias, e o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, copresidiron a Xunta Local de Seguridade na que se coordinou o dispositivo de seguridade de cara ás vindeiras celebracións do Entroido 2025, ao tempo que se analizou a situación da seguridade cidadá no municipio, os casos de violencia de xénero e o Plan Director para a Convivencia nos centros educativos.

Xunta local de seguridad para o Entroido 2025. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

En relación ao Entroido, unha das festividades máis sinaladas e participativas da comarca limiá, aos efectivos da Garda Civil e Policía Local que velarán pola seguridade, sumaranse catro vixilantes que serán contratados polo Concello.

A Garda Civil adiantou na reunión que incrementará as cámaras de vixilancia na zona, comezando o Día do Petardazo, que será o punto de partida dos festexos o 8 de febreiro, e intensificaranse os controis de alcohol e drogas nas estradas . Ademais, Xinzo contará cun punto violeta durante todas as celebracións do Entroido, para previr agresións sexuais ou casos de violencia sobre as mulleres que participen nas diversas actividades.

O Petardazo 2022 na praza Carlos Casares de Xinzo, este sábado. FOTO Noelia Caseiro

 

O seu persoal estará coordinado coas forzas e corpos de seguridade e unha parte do mesmo, debidamente identificado, tamén permanecerá percorrendo as rúas para que quen o precise poida acudir a el. En canto á seguridade cidadá, entre os datos expostos nesta xunta local destacou que no 2024 se produciu en Xinzo un aumento dos delitos contra o patrimonio.

E no tocante á violencia de xénero, dos 536 casos activos neste momento na provincia, 24 corresponden ao Concello de Xinzo, en 19 dos cales o agresor conta con prohibición de aproximación e comunicación coa vítima. Ademais, na reunión tamén se fixo repaso das actuacións preventivas enmarcadas na aplicación do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, destacando a gran participación do alumnado nas actividades organizadas, pero manténdose como reto lograr unha maior implicación das ANPAS.

Manuel Arias e Amador Diáz. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Así mesmo, neste eido, a Policía Local de Xinzo puxo en valor a figura do seu axente mediador, que intervén na procura da resolución dos conflitos interpersoais entre os rapaces, os cales en ocasións acadan o entorno educativo.


Na reunión tamén estiveron presentes representantes da Xunta de Galicia; Garda Civil, Policía Local, Protección Civil e Bombeiros de Xinzo; así como a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias.