Nova medida para garantir a mobilidade e a seguridade dos residentes

NOTICIAS XINZO | O Concello instala cámaras de videovixilancia na Avenida de Celanova

Zona de acceso restrinxido na Avenida de Celanova en Xinzo de Limia.

O Concello de Xinzo de Limia continúa traballando na mellora da mobilidade urbana, especialmente co obxectivo de garantir a seguridade e o respecto aos espazos reservados para residentes. A última medida neste sentido foi a instalación dun sistema de cámaras de videovixilancia no vial de servizo situado no primeiro tramo da Avenida de Celanova, un espazo de acceso exclusivo para residentes e usuarios autorizados. Durante o período de adaptación as cámaras non sancionarán as infraccións que detecten. Informarase á veciñanza antes de que isto ocorra. 

A medida busca ordenar o tránsito nunha zona cun alto volume de vehículos e facilitar o desprazamento seguro dos peóns, así como preservar a tranquilidade das persoas que residen ou traballan neste ámbito.

Nova cámara na Avenida de Celanova.

 

Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade, Ramón Gómez, "non se trata dunha medida recadatoria, senón dunha acción en positivo para mellorar a mobilidade e garantir que este tipo de vías cumpren coa súa función, que non é outra que facilitar a vida dos veciños e veciñas da zona".

O sistema contempla tres tipos de usos autorizados para acceder ao vial:

  1. Residentes: persoas que vivan en calquera dos dous lados da avenida, xa sexa por empadroamento, titularidade dun inmoble ou mediante facturas que xustifiquen a súa residencia efectiva.

  2. Negocios e actividades profesionais: tanto os titulares de establecementos situados na zona como os seus empregados e vehículos profesionais poderán acceder sen penalizacións.

  3. Servizos e clientela: tamén estarán permitidos os accesos puntuais de servizos (como empresas de mudanzas, reparto de material, etc.) e os clientes que acudan a calquera dos negocios da rúa. Nestes casos, os propios establecementos serán os encargados de anotar as matrículas das persoas que acudan, remitindo semanalmente a relación para evitar posibles sancións.

 

Aquelas persoas que cumpran algún dos primeiros supostos deberán dar de alta a matrícula do seu vehículo no rexistro do Concello, ben de xeito presencial ou telemático a través dunha instancia xeral aportando a documentación que o acredite.

As cámaras de videovixilancia funcionarán de forma automática, e o sistema sancionará exclusivamente os accesos non autorizados. O importe da multa será de 80 euros, cunha redución por pronto pago que a deixa en 40 euros.

Sinal de advertencia na Avenida de Celanova.

 

"Queremos que Xinzo sexa unha vila cómoda para vivir e traballar, e por iso é importante que os espazos destinados a residentes e autorizados se respecten. Esta medida vai nesa liña, igual que as que xa temos en marcha noutras zonas como a estación de autobuses", engadiu Ramón Gómez.