NOTICIAS XINZO | O mosteiro do Bon Xesús da Limia será declarado Ben de Interese Cultural
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o expediente de incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, o Convento do Bon Xesús da Limia, o que supón a protección inmediata deste inmoble localizado no concello de Xinzo de Limia.
A documentación aportada establece que o conxunto construído no século XVI merece este recoñecemento polos seus valores arquitectónico, artístico e histórico. Destácase a calidade construtiva da cantería, presente tanto na igrexa como nas infraestruturas hidráulicas.
Tamén se inclúen bens inmobles de gran valor, como os cinco retablos de madeira e o patrimonio inmaterial, con lendas sobre a fundación do convento. A incoación do expediente baséase en que este convento é un dos edificios históricos máis significativos da comarca da Limia e representa unha obra de transición entre o gótico tardío e o primeiro renacemento galego.
A súa publicación no DOG supón a máxima protección e tutela, segundo a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia. O Goberno galego reafirma o seu compromiso coa conservación do patrimonio, con 110 bens declarados BIC desde 2016, acadando un total de 783 Bens de Interese Cultural en Galicia.
A delimitación do ben inclúe a igrexa, as dependencias monacais co seu claustro, as edificacións anexas, o espazo da horta, o forno, a alvariza e as infraestruturas hidráulicas, con elementos como a fonte arcada, canles de pedra, pías, alxibes e dous mananciais.
O Convento do Bon Xesús da Limia foi construído a principios do século XVI, promovido polo eclesiástico Alonso de Piña e dirixido polo mestre Bartolomé Nosendo. Rexido pola orde franciscana, mantivo a súa función ata o século XIX, cando foi abandonado e pasou a mans privadas. A pesar do deterioro polo paso do tempo e os espolios, a igrexa chegou en boas condicións ata a actualidade.