NOTICIAS XINZO | A doutora Cristina Margusino recibirá a medalla de Xinzo
"O estado de benestar dun país mídese por como coidamos á poboación máis fráxil e vulnerable, que son os enfermos e os maiores". Estas palabras da doutora Cristina Margusino que evidencian a súa dedicación no coidado da cidadanía. Polo seu compromiso co rural e a humanización da medicina recibirá a Medalla do Concello de Xinzo, cuxo expediente de honra se levará á próxima sesión plenaria.
Esta distinción quere recoñecer o seu labor como xefa do servizo de Atención Primaria na localidade e a súa contribución para facer de Xinzo un referente en atención sociosanitaria. A alcaldesa, Elvira Lama, asegura que "esta homenaxe pon en valor o gran traballo feito a prol da sanidade na Atención Primaria do rural e a súa capacidade de liderar proxectos que benefician a saúde da veciñanza".
A doutora Cristina Margusino traballou no centro de saúde de Xinzo de Limia dende o ano 2011 e durante 11 anos, onde foi recoñecida e admirada polos seus pacientes, nos que deixou unha fonda pegada. Neste ambulatorio puxo en marcha proxectos integrais de saúde e, no ano 2019, promoveu as Xornadas de Atención Sociosanitaria no Rural co obxectivo de humanizar a asistencia médica.
Cristina Margusino considera que o avellentamento e o illamento crean desigualdades nunha atención que debería ser universal: "Debe ser prioritario promover a saúde e a equidade na atención dos pacientes do rural, porque ser poucos non significa ter menos dereitos". Estas xornadas, que comezaron en Vilar de Santos antes da pandemia e continuaron no ano 2021 en Xinzo, evidenciaron a necesidade de establecer un Plan de Saúde Local no concello para facer a diagnose dos recursos e dar resposta ás demandas da poboación. Tamén nese ano, as xornadas logran a Primeira Beca de Medicina Rural, un recoñecemento outorgado pola Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia SEMG.
En 2022, a doutora asistiu a un congreso internacional en Irlanda, el World Rural Health Conference, no que máis de 500 profesionais médicos de todo o mundo debateron temas da súa especialidade. Neste evento participa, xunto co seu equipo de Atención Primaria, cun vídeo que acada o primeiro premio, demostrando o entusiasmo polo seu traballo.
O Concello valora ante todo a dedicación plena durante máis dunha década a mellorar a saúde e os hábitos de vida da veciñanza de Xinzo, así como a súa abnegada entrega a poboación limiá, en estreita colaboración co goberno local de Xinzo, durante os duros tempos da pandemia.