NOTICIAS XINZO | O Entroido disporá dun amplo dispositivo de seguridade para os días grandes
O Entroido de Xinzo xa amosou nestas semanas o seu poder de convocatoria, polo que na próxima fin de semana e o inicio da seguinte agárdase unha gran afluencia de persoas nos días grandes da festa. Para que os festexos se desenvolvan sen incidencias, o Concello conta cun Plan de Autoprotección que ten como obxectivo previr as causas das posibles emerxencias, detectándoas e evitándoas. Tamén garante a fiabilidade dos medios de protección, de forma activa e permanente e programa os plans de actuacións ante calquera incidente.
O vindeiro sábado, nas proximidades da Praza Maior instalarase un vehículo da Axencia de Emerxencias de Galicia (Axega), no que se establecerá un Posto de Mando Avanzado. Este dispositivo montarase sobre as 18:00 horas do sábado día 18 de febreiro, co fin de que estea operativo dende as 21.00 horas ata as 6.00 horas do día seguinte. Os Bombeiros de Xinzo, Policía Local, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil completarán o equipo de seguridade para o evento, ao que se suman un posto médico de auxilios, así como efectivos de Cruz Vermella e do CIM para dar resposta coordinada ante calquera incidente coa maior celeridade.
Nestas datas, o heliporto trasladará o seu emprazamento dende a explanada do pavillón polideportivo á dos institutos. Instalarase videovixilancia en distintos espazos estratéxicos da vila e puntos violetas que velarán pola seguridade das mulleres ante as agresións machistas.
A alcaldesa, Elvira Lama, volve a facer un chamamento ao civismo para que a veciñanza e os visitantes poidan desfrutar do primeiro Entroido pospandemia sen ter que lamentar incidencias.