A cesión destes dous traxes tradicionais reforza o legado do Museo Galego do Entroido

NOTICIAS XINZO | O MUGAE amplía a súa colección co Entroido de Vilameá

Os traxes do Entroido de Vilameá xa están no Museo Galego do Entroido.

O Museo Galego do Entroido (MUGAE), situado en Xinzo de Limia, asinou un convenio co Concello de Lobios para a cesión de dous exemplares representativos do Entroido de Vilameá (Río Caldo). Trátase dun Home Danzante e unha Muller Danzante, figuras protagonistas do seu Entroido.

Muller Danzante e Home Danzante do Entroido de Vilameá.

 

Estes traxes, confeccionados pola veciñanza de Vilameá e A Devesa, son froito dun intenso traballo de recuperación e posta en valor das tradicións locais, levado a cabo nos últimos cinco anos. Con esta doazón, o MUGAE reforza o seu compromiso coa preservación do legado etnográfico galego, superando xa o medio centenar de personaxes do Entroido na súa colección.

A exposición destes traxes permitirá que visitantes de toda Galicia e máis aló coñezan a riqueza cultural do Entroido de Riocaldo. O MUGAE continúa así a consolidarse como un referente na salvagarda das tradicións do Entroido galego.

Firma da cesión dos traxes tradicionais do Entroido de Vilameá.