Ourense estreará orquestra sinfónica nos Mestre Mateo con presenza da Esmuli
A Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía estrearase por todo o alto. Baixo a batuta de José Luis Tielas, director da Escola de Música da Limia (Esmuli) e da Agrupación Musical da Limia, esta nova formación de 43 persoas estrearase o próximo 11 de marzo nos Premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Galega do Audiovisual. A cerimonia, que terá lugar no Auditorio de Ourense, estará amenizada por esta orquestra na que participan alumnos da Esmuli, do Conservatorio de Música de Verín, do de Ourense e da Escola de Celanova.
Este proxecto intentou arrancar no 2020, pero a pandemia non axudou, e agora ten diante unha gran oportunidade. "Estivemos esperando para poñelo todo en marcha e apareceu esta oportunidade de casualidade, pareceunos a máis axeitada para empezar o proxecto", explica Tielas. Os premios, que se emitirán en directo pola Televisión de Galicia, servirán para dar unha maior difusión da Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía.
Nos Premios Mestre Mateo estrearanse acompañados da cantautora solista Silvia Penide, quen participará nalgunhas interpretacións. Os ensaios van comezar en breve e farano nas instalacións da sede da Escola de Música da Limia, onde contan coa infraestrutura necesaria para preparar tan importante actuación.
Nesta nova formación participan alumnos da Escola de Música da Limia e da de Celanova, pero tamén do Conservatorio de Ourense e do de Verín
Tielas é o responsable da dirección musical e artística, pero non está só. Acompáñano María Mendoza, profesora do CMUS de Ourense que é a codirectora da orquestra e compositora da música; Myriam Cortizo, a encargada de produción e membro da Orquestra Vigo 430; e por último, a verinesa Gloria Prol é a secretaria. "Temos un proxecto bastante grande", engade o director da Esmuli.
Esta orquestra conta cunha visión máis enfocada a instrumentos de corda, cubrindo unha necesidade que aprecian na provincia. "En Ourense non hai ningunha orquestra deste tipo, polo que a xente que estuda corda non ten onde practicar e ao rematar os estudos tampouco teñen moitas oportunidades", sinala Tielas.
Da nada, botáronse a andar para que este proxecto medre. Polo momento, contan coa promesa de apoio por parte da Deputación de Ourense ao enfocar esta formación no ámbito provincial. "Queremos involucrar á xente de toda Ourense, dos conservatorios e escolas de música da provincia", apunta Tielas. Ese foi o motivo de que escollesen o nome de Ourensanía para que acompañase a esta orquestra. "É moi representativo", engade.
O futuro desta formación pasa por atraer a máis rapaces que queiras formar parte deste proxecto e hai algunhas ideas máis. "Intentaremos facer unha xira pequena polos auditorios da provincia, con música clásica bonita e sinxela, para dar a coñecer o proxecto e que siga medrando", destaca o director musical e artístico.