NOTICIAS XINZO | A exposición «Castelao grafista (facsímile)» chega a Xinzo de Limia
Afundación, a Obra Social de ABANCA, o Concello de Xinzo de Limia e ABANCA rubricaron na Casa do Concello, un convenio para amosar a exposición "Castelao grafista (facsímile)". Ao acto asistiron Amador Díaz Penín, alcalde do Concello de Xinzo de Limia; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de
ABANCA en Ourense; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. "Castelao grafista (facsímile)" poderase visitar na Casa da Cultura de Xinzo de Limia do
10 de outubro ao 8 de novembro, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.30 h e de15.30 a 21.00 h. A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación, debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, retratos fotográficos, caricaturas e debuxos e portadas de revistas.
A EXPOSICIÓN "CASTELAO GRAFISTA (FACSÍMILE)"
A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.