NOTICIAS XINZO | Ganade celebra as súas festas, nas que se sorteará un porco
A veciñanza de Ganade, en Xinzo, está esta fin de semana en festas na honra de Santa Isabel. A programación que elaborou a comisión, composta por Ángeles Martínez, nova concelleira en Xinzo; Carmen Losada, Concha Villamarín, Maricarmen Lama e Maricarmen Vila, comezará este venres ás 23:00 horas coa discomóbil Space, que porá música ata as tres da madrugada.
O sábado continuarán as festas en Ganade cun pasarrúas coa Banda de Gaitas Cidade de Antioquía pola mañá, antes da misa que se celebrará ás 13:30 horas, na que tamén estará esta agrupación musical. Xa pola noite, haberá unha cea popular ás 20:00 horas, antes de que actúe a orquestra Platinum. A formación dará dous pases, un de 21:00 a 22:30 horas e outro de 1:00 a 3:00 horas.
O domingo rematarán as actividades festivas en Ganade cunha misa cantada ás 13:00 horas. Pola tarde haberá polbo e churrasco, coa actuación da orquestra Finisterre das 19:30 horas ás 22:30 horas. Na mesma, a comisión fará o sorteo que serviu de colaboración na organización destas festas. O premio para a rifa gañadora será un porco, que se poderá levar para criar ou recollelo en época de matanza.