Lucía, Hugo e Bruno fixéronse cun primeiro, segundo e terceiro premio en tres categorías

NOTICIAS XINZO | O equipo de tres estudantes do Lagoa de Antela arrasa na I Olimpíada de Enerxía

Lucía Gómez Feijoó, Hugo Camino García e Bruno Virtus Vieira representantes do IES Lagoa de Antela na 1º Olimpíada da Enerxía.

O pasado 9 de abril, a Facultade de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo converteuse no escenario da 1ª Olimpíada da Enerxía, un evento que reuniu a 150 estudantes de 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato, así como de ciclos medios e superiores de FP procedentes de 18 centros educativos de toda Galicia.

Bruno Virtus Vieira, Hugo Camino García e Lucía Gómez Feijoó participando nunha das probas.

 

Entre tanto alumnado, tres nomes fixeron historia: Lucía Gómez Feijoó, Hugo Camino García e Bruno Virtus Vieira, representantes do IES Lagoa de Antela. Este trío enxeñoso non só participou en cinco das seis probas propostas —unha auténtica maratón intelectual—, senón que tamén subiu ao podio en tres delas, competindo contra grupos moito máis numerosos e, na súa maioría, de cursos superiores.

O seu impresionante palmarés:

  • 3º premio na proba de refutación de Fake News
  • 2º premio no Debate intercentros
  • 1º premio en Divulgación Científica

 

Cómpre salientar que a maior parte dos centros presentaron grupos de 10 ou 12 estudantes, o que lles permitía especializarse e distribuírse nas distintas disciplinas da Olimpíada. Porén, o equipo do Lagoa de Antela asumiu o reto completo entre só tres, sendo ademais do nivel educativo máis baixo que podía participar.

Unha das probas desta competición sobre as "Fake News".

 

Unha mostra de talento, esforzo e paixón pola ciencia que os sitúa como un exemplo a seguir. Ou, como ben se di no seu centro: uns auténticos campións.