NOTICIAS XINZO | Un limiao publica un libro que profundiza nos fascismos e o Holocausto
Os investigadores Óscar Ferreiro, natural de Baronzás (Xinzo), e Karl Schurster veñen de publicar un dos seus traballos baixo o título "Traducción y paratraducción del odio historia, historiografía y representación de los fascismos y del Holocausto", editado por Comares.
O libro aborda de maneira exhaustiva a temática da tradución e paratradución, noción que estuda todos os elementos que acompañan a textos traducidos, en relación coa difusión do odio, explorando tanto a súa dimensión histórica como a súa representación na historiografía. A través dunha coidadosa investigación, analizan os procesos de tradución e a súa influencia na percepción e memoria colectiva dos acontecementos ocorridos durante os réximes fascistas e o Holocausto.
O libro está dividido en tres partes. A primeira parte plasma a historia do Holocausto a través de fontes documentais, facendo fincapé no proceso de radicalización progresiva que culminou en xenocidio. Na segunda, os autores abordan os principais debates historiográficos sobre o tema e discuten a súa representación ao longo da historia. Finalmente, a exposición Mirroring Evil permite reflexionar sobre a representación e paratradución do Holocausto de maneira máis exhaustiva. Estúdase a tradución do odio problematizando os seus límites a través dunha análise crítica sobre o seu proceso de desacralización.
Ferreiro, que é profesor de Tradución e Interpretación da Univerisdade de Vigo e integrante do seu grupo de investigación TI4 Tradución e Paratradución, e Schurster, recoñecido historiador brasileiro e tamén investigador do grupo TI4 Tradución & Paratradución e profesor da UVigo, decantáronse por esta temática ante a proliferación de formacións políticas de extrema dereita en Europa e América e a "banalización do maior trauma do século XX, que foi o Holocausto", apunta o investigador limiao.
Este pensamento exemplifícano dende o principio desta publicación, na portada do libro. Nela aparece unha moza posando nas vías do tren polas que pasaron os vagóns que transportaron a centos de miles de persoas ata o campo de concentración de Auschwitz, onde serían asasinados. "A imaxe representa un pouco o libro, xa que denunciamos a banalización dos fascismos e do Holocausto. Perdeuse a perspectiva do que foi ese acontecemento histórico", destaca Ferreiro.
O investigador limiao pon como causas varias posibilidades. "Poden contribuír a esa banalización o que transmiten os políticos, os videoxogos que non transmitan ben detalles importantes ou as propias redes sociais", sinala. Ademais, tamén destaca que hai moita xente nova, "que non viviu as consecuencias do fascismo", pero é seguidora desas ideoloxías, o que reforza a idea da banalización de actos tan terroríficos feitos polos fascismos como é o Holocausto.