Detrás da súa orixe están oito nais primeirizas

NOTICIAS XINZO | Nace Mimiños, unha asociación para crear unha rede de apoio para nais e pais

Grupo de nais de Xinzo que impulsou Mimiños.

No ano 2021, oito mulleres de Xinzo convertíanse en nais por primeira vez e, na procura de buscar apoio entre elas nesta nova experiencia, comezaron a crear vínculos. O que nun inicio era un grupo de WhatsApp para compartir experiencias e inquedanzas, formado a principios do 2022, acabou sendo a semente da asociación Mimiños.

A principios deste mes naceu esta entidade que ter por obxectivo crear unha rede de apoio para nais e pais na que "poidan compartir experiencias, desafogarse, asesorarse sobre algún tema en concreto, ou simplemente sentirse comprendidos, sin ser xulgados e dende a empatía", sinalan nas súas redes sociais. Este proxecto xurdiu da necesidade que detectaron ante a falta de información de calidade, así como dunha rede de apoio para as mulleres que atravesan esta etapa das súas vidas.

As nais e pais que forman parte de Mimiños participan son asiduos non cursos relacionados sobre a crianza dos cativos en diversas materias e, coas súas experiencias individuais, dispoñen das ferramentas para dar soporte a outras persoas que se adentren no mundo da maternidade e a paternidade

Nos obxectivos de futuro de Mimiños está poder ofrecer cursos a persoas que, como as oito nais que a impulsaron, precisen de apoio no momento de enfrontarse ao nacemento dun fillo. "Gustaríanos achegar cursos de formación e actividades de diversos ámbitos da maternidade e crianza", sinalan. A través das redes sociais, onde están presentes coa conta @miminhos_xinzo en Instragram, lanzan consellos sobre lactancia, rutinas ou saúde, pero tamén comparten receitas, entre outros aspectos.

Coa constitución oficial da asociación Mimiños, só queda presentarse ante a sociedade. Para isto, contarán cun acto que terá lugar este xoves na Casa da Cultura.