Servirá como lugar seguro para mulleres vítimas de agresións machistas

NOTICIAS XINZO | A oficina do SEPE contará cun 'Punto Violeta'

Oficina do Servizo Público de Emprego Estatal en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, daba a coñecer a nova medida contra a violencia machista que está pondo en marcha o Goberno estatal: a creación de 'Puntos Violetas' nas oficinas do Servicio Público de Emprego Estatal (SEPE) da provincia que servirán como lugares seguros para mulleres vítimas de agresións machistas.

A oficina do SEPE en Xinzo de Limia tamén contará cun 'Punto Violeta'. Estará identificado e contará cun código QR vinculado á Guía Punto Violeta, unha guía de actuación que achega ferramentas para a loita contra o machismo con información sobre como actuar ante casos de agresións, recursos para as vítimas e información de interese para saber identificar actitudes machistas e poñerlles freo.

A iniciativa enmárcase no novo plan impulsado dende o Goberno do Estado para loitar contra a violencia machista. Emilio González facía fincapé no "lugar seguro e de apoio" no que se converterán todas as oficinas do SEPE para as mulleres que sofren violencia física, psicolóxica e mesmo económica. Neste senso, a creación dos 'Puntos Violetas' levará aparellada unha formación para os directores e directoras das oficinas, de xeito que queden convertidos en expertos de referencia aos que acudir ante un caso de violencia.

Emilio González, subdelegado do Goberno en Ourense, durante a presentación da iniciativa.

Emilio González valoraba o impacto que teñen accións coma esta na consolidación do obxectivo de facer a Administración Pública "un espello do compromiso inequívoco do Goberno de Pedro Sánchez coa erradicación da violencia machista en todas as súas formas". 


A violencia machista como problema estrutural

A instalación de 'Puntos Violetas' forma parte do catálogo de medidas urxentes do plan de mellora e modernización impulsado por distintos ministerios no contexto de alarma machista dos últimos meses. Supón un cambio de enfoque nas políticas de atención ás vítimas, situando a violencia machista como un problema estrutural que debe ser atacado dende a implicación de todas as institucións do Estado.

O subdelegado destacou que na actualidade preto de 425 mulleres en Ourense están no sistema de protección e seguimento contra a violencia de xénero do Ministerio do Interior, así como o feito do aumento de homes como agresores persistentes. "Non é unha mera estatística, pois cada caso fala dunha muller, dunha situación persoal moi difícil, que precisa de apoios psicolóxicos, sociais e económicos", indicou.

Na provincia de Ourense, esta medida trasladarase a cada unha das oficinas que o SEPE ten na provincia: as dúas da capital e as oficinas provinciais de Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Verín, Viana do Bolo, A Pobra de Trives, Carballiño, Celanova e Ribadavia.