NOTICIAS XINZO | As piscinas pecharán o luns e ese día abrirá a climatizada
O luns, onte, o concelleiro de Deportes, Rafael Penabad (PSOE), manifestou ao Diario do Limia que a decisión de cando se ía volver a abrir a piscina climatizada (pechada desde principios de xullo e todo o mes de agosto para utilizar o persoal nas piscinas exteriores) tomaríase nunha reunión do grupo de goberno e non dependía só da cuestión do persoal.
Este martes, o alcalde en funcións, Amador Díaz (AXIL), evitou pola mañá responder á cuestión sobre a data. Pola tarde, o equipo de comunicación do goberno local publicou no Facebook do Concello de Xinzo a resposta: “As piscinas exteriores de Xinzo permanecerán abertas ata o próximo domingo. A partir do luns próximo, o persoal das piscinas exteriores volverá a ocuparse da piscina climatizada, que abrirá ese mesmo día as súas portas”.
Fontes do goberno local explicaron que a decisión non estaba tomada onte nin comunicada esta mañá ao alcalde en funcións, e que a decisión tomouna o concelleiro de Deportes. As piscinas exteriores abriron o 8 de xullo, cunha semana de atraso sobre o anunciado, e ese mesmo día quedou pechada (por vez primeira en 22 anos durante o mes de xullo) a piscina climatizada. Os usuarios non foron informados até uns días antes.
A xestión do goberno nesta cuestión provocou un debate no pleno de xullo, no que a alcaldesa mesmo pediu perdón ás usuarias da piscina climatizada. O concelleiro de Deportes, de vacacións e que asistía ao pleno por vía telemática, non interveu.
O goberno de Xinzo sinala hoxe que entre o 8 de xullo e onte (día 29) utilizaron as piscinas exteriores “preto de 20.000 persoas” e que houbo días que as usuarias “chegaron a rozar o millar”. Cando abra o luns, a piscina climatizada volverá tras permanecer pechada durante 58 días.