NOTICIAS XINZO | Pleno extraordinario para actualizar taxas de auga e sumidoiros
Este xoves celebrouse un pleno extraordinario urxente no Concello de Xinzo de Limia, convocado para abordar a modificación das ordenanzas fiscais relativas aos servizos de subministración de auga e tratamento de augas residuais. Tras a aprobación das modificacións, e en sinal de solidariedade, o pleno concluíu cun minuto de silencio na porta do Concello en recordo das vítimas da DANA.
No transcurso da sesión, aprobouse a actualización das ordenanzas fiscais números 7 e 9, que regulan a taxa polo servizo de sumidoiros, pola prestación de tratamento de augas residuais, e pola subministración de auga. Ambas as modificacións foron aprobadas de maneira provisional cos votos favorables do grupo de goberno e a abstención dos grupos da oposición. A actualización destas taxas supón unha suba do 1,5%, en consonancia co Índice de Prezos ao Consumo (IPC), coa finalidade de garantir a sustentabilidade e a mellora continua dos servizos.
Este pleno, como é costume, foi transmitido en directo a través das redes oficiais do Concello, ofrecendo á cidadanía a posibilidade de seguir o desenvolvemento da sesión e os asuntos tratados. Ao remate da sesión, os asistentes e outros empregados municipais gardaron un minuto de silencio en memoria das vítimas mortais e dos danos ocasionados pola DANA, nun acto de recoñecemento e solidariedade coas persoas afectadas por esta traxedia.