NOTICIAS XINZO | O PP critica o "arboricidio" cometido polo Concello na Praza dos Ovos
Esta semana, o Concello de Xinzo retomou os traballos de saneamento das árbores dos espazos públicos que estaban en mal estado o que levou á Praza dos Ovos -agora Xoán XXIII- a quedar sen ningún. O Partido Popular acusa ó Goberno do cuatripartito de cometer un "arboricidio" neste emprazamento. "Cortáronse árbores saudables e saneables, de máis de 40 anos, que reverdecían e das que agromaban cantidade de follas cada ano na primavera, proporcionando sombra, frescor e vistosidade nesta céntrica praza da vila", din os populares.
Dende o Partido Popular recordan que, no informe chamado "de estabilidade e risco das árbores presentes nos parque da vila" presentado en marzo de 2021, os autores fixeran unha valoración "máis positiva que negativa" do estado das arbores da vila, concluíndo que estaban en "mellor estado do esperado". A recomendación do informe do 2021, aseguran os populares, era que se tomaran medidas "drásticas" e urxentes con "algúns exemplares". Estas accións acometéronse naquel momento e cortáronse varios exemplares podres, enfermos, ou que representaban un perigo.
Os populares recoñecen que, dende o 2021, é posible que algún novo exemplar sufrise un deterioro que xustificase a súa tala ou un tratamento fitosanitario para sanealos. O que non comprenden, din, é que "en apenas dous anos e de repente, a Elvira Lama lle aparezan ducias de árbores podres. Isto ten só a explicación do contratiño e da fotiño que tanto lle gusta a alcaldesa e aos concelleiros do BNG, PSOE, Xinzo Adiante e Alternativa por Xinzo de Limia, cómplices e artífices do arboricidio do cuatripartito".
Aseguran que, a "intención arboricida" do Goberno de Elvira Lama, ten por único obxectivo "favorecer a contratación de empresas amigas para a tala e retirada destas árbores saudables e logo facer a fotiño á beira dos novos exemplares". Isto, sinalan, non sempre se leva a cabo e recordan o exemplar "Cercis Canadiensis" retirado da beirarrúa fronte ao Grupo Santa Mariña, "do que nunca máis se soubo e do que se creou no seu lugar un burato reconvertido en trampa perigosa para tropezar ou caer a xente de cabeza".
Por último, os populares acórdanse da organización Amigos e Amigas das árbores da Limia aos que acusan de estar "calidiños e caladiñas diante desta desfeita. Será que só defenden e aman a natureza arbórea cando gobernan os do Partido Popular?", pregúntanse.