NOTICIAS XINZO | O PP denuncia o "abandono e a insalubridade" das instalacións municipais
O Partido Popular de Xinzo denuncia o estado de "abandono e insalubridade" no que se topan os almacéns das brigadas municipais no campo da feira, onde "amorean e se agochan toneladas de lixo procedentes das rúas e dos parques municipais". Os populares acusan ao Goberno do PSOE, BNG e ÁXIL desta situación que converte este espazo nun "foco de infeccións e cheiros insalubres, que sofren cada día, non só os traballadores municipais, senón que tamén contaminan ás augas subterráneas".
Cualifican de "vergonza" o que está acontecendo, provocado polos "que din defende o medio ambiente". Isto agrávase cando as polbeiras, nos días de feira, se instalan neste espazo para que xanten centos de persoas.
O PP de Xinzo tamén pon de manifesto que as "toneladas acumuladas de porcallada" chegan ata as portas das dependencias dos traballadores e dos obradoiros, entre as que se atopa o "lixo e desperdicios retirados das rúas durante o Entroido, mesturado nun cóctel putrefacto coa herba cortada dos espazos verdes do municipio".
Estado das rúas e beirarrúas
Ademais, os populares esíxenlle ao Goberno local que se reparen "urxentemente" as rúas e beirarrúas da vila, "non só polo lamentable e vergoñento estado de deterioro no que se atopan, senón tamén polo perigo que supón para os viandantes e os vehículos".
Lamentan que estes catro anos fosen "perdidos", a causa do "desleixo e abandono" do Concello. "Mentres agochaban o lixo, as liortas internas, e abandonan a xestión municipal e aos veciños durante os días laborables; presumen en alemán, chinés ou árabe de carrusel, fotografías e viaxes durante as fins de semana, colocando en grandes letras vermellas #Xinzofunciona, para quen lles queira crer", afirman os populares.