NOTICIAS XINZO | O PP sinala a Elvira Lama como responsábel dos “reiterados incumprimentos administrativos”
A publicación polo Diario do Limia hai unha semana dun informe de reparo da Intervención do Concello de Xinzo e o posterior debate no pleno do pasado venres continúan a provocar reaccións. O Partido Popular volve este luns sobre o asunto e apunta directamente a Elvira Lama como a máxima responsábel de “irregularidades” na xestión municipal e advirte que o informe da interventora “derivar nunha prevaricación dos implicados neste xeito de actuar, unha vez que o acordo plenario no que se recoñece, por unanimidade a irregularidade administrativa, chegue ao Consello de Contas de Galicia”.
Nun comunicado de prensa, o PP de Xinzo denuncia “a falta de transparencia e as irregularidades nas que, de forma continuada esta incorrendo o cuatripartito”, critica “unha xestión nefasta” que “superou os gastos correntes no que vai do 2022, nada menos que en 800.000 euros por riba do limite do plan de axuste establecido”, e que pon “en grave risco económico o Concello de Xinzo de Limia”.
Catros días despois do debate plenario, os populares centran o seu ataque na alcaldesa socialista e din que Lama é a “principal responsable desta situación”, na que o cuatripartito vén “incumprido reiteradamente os procedementos administrativos” e “practicando unha política escurantista que responde unicamente as súas liortas internas e os seus intereses electoralistas”.
Ademais, segundo subliña o PP, a irregularidade administrativa recoñecida por unanimidade no pleno, “podería derivar nunha prevaricación dos implicados neste xeito de actuar, unha vez que o acordo plenario chegue ao Consello de Contas de Galicia”.
O PP insiste en valorar o asunto que denuncia o informe da interventora como “unha grave irregularidade”, no que os xestores terían pasado “por riba dos preceptivos informes que garanten a legalidade do procedemento”. E sinala como “gastos de dubidosa xustificación” as compras de material deportivo nun comercio de Ourense e “de material bibliográfico” para unha empresa de hostalería de Vilar de Santos.
Por último, os populares chaman a atención sobre a advertencia que lanza o informe da Intervención ao respecto do “tempo que falta para que remate o exercicio do 2022” e no que “previsiblemente”, din, “vaise producir un importante incremento deses 800.000 euros en gastos correntes para os que tampouco haberá partida orzamentaria nin crédito”.