NOTICIAS XINZO | O SERGAS incrementa o persoal de enfermería no PAC de Xinzo
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, anunciaba no Parlamento de Galicia a inminente ampliación do persoal de enfermería nos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Ourense, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e O Carballiño, con 12 novos profesionais desta especialidade. Desde xaneiro de 2025 estes catro centros sanitarios de atención primaria verán incrementados os seus recursos humanos de acordo á demanda asistencial que rexistran na actualidade.
Non obstante, hai outros PAC da provincia que seguen a precisar persoal para atender á cidadanía. A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta sinalaba no Parlamento que os Puntos de Atención Continuada de Verín, Ribadavia e Celanova precisan contratar profesionais de enfermaría adicionais. Afirma que nestes centros de saúde, con maior dispersión xeográfica, as enfermeiras padecen "discriminacións intolerables" cunha sola enfermeira por cada centro e que esta "situación límite" deriva na perda da calidade na atención sanitaria á cidadanía.
O responsable do SERGAS lembrou que "a planificación do persoal dos PAC realízase en función da poboación e das cargas de traballo, e non da equiparación entre persoal sanitario". Neste sentido, apuntou que no caso da provincia ourensá "a súa dotación é semellante á do resto das áreas sanitarias galegas". Non pensa o mesmo a socialista Carmen Rodríguez Dacosta; na Comisión parlamentaria de Sanidade sinalaba que "os centros de saúde de Ourense precisan contratar 20
profesionais de enfermaría adicionais para cumprir coa mesma ratio que o resto de Galicia". Dacosta alertaba da perda da calidade asistencial e esixiulle ao goberno galego que asuma a responsabilidade de resolver a situación.
Esta situación lesiva e discriminatoria para as profesionais deriva na perda da calidade asistencial derivada da xestión totalmente nefasta do SERGAS na provincia
Equiparación con outras áreas sanitarias galegas
Mentres a socialista Carmen R. Dacosta esixe ao goberno galego que "reforce o persoal de enfermaría nos PACs de Verín, Ribadavia e Celanova e mellore as condicións laborais", o xerente do SERGAS precisou que os PAC de Ourense, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e O Carballiño "terán unha equiparación completa" no que atinxe á ratio médico-enfermeira. Na actualidade, a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras conta con 14 Puntos de Atención Continuada, aos que se engaden dúas Zonas Especiais (A Gudiña-Mezquita e A Veiga-O Bolo).
Durante a súa intervención, o xerente do Servizo Galego de Saúde subliñou que a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras rexistrou a segunda maior dotación de prazas orzamentadas destinada á enfermería dos PAC durante o período 2022-2025. Así, neste período ampliará en 20 prazas os seus recursos humanos (un 35,1% máis). Só fica por detrás da área sanitaria da Coruña e Cee, cuxa dotación medrou en 27 profesionais.