Acolle o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas

NOTICIAS XINZO | A vila converterase na capital da música tradicional por unha fin de semana

Fernando Dopico, Miguel Estévez, Xoán Losada, Elvira Lama e Rosendo Fernández, na presentación da primeira fase do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas deste ano. | FOTO: Noelia Caseiro.

A primeira fase do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas deste ano, que se celebrará a fin de semana do 25 e 26 de marzo en Xinzo, presentouse esta mañá na Casa do Concello. O evento musical volve á vila tras 20 anos sen acollelo e contará coa participación de 26 bandas -750 músicos-, polo que se prevé unha gran afluencia de público na localidade. "É unha cita importante para os integrantes da nosa banda que participa e para os seus mestres, pero tamén para o tecido económico de Xinzo", expresou a alcaldesa, Elvira Lama.

No acto estiveron presentes Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Fernando Dopico, director da Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo; e os mestres Xoán Losada e Miguel Estévez. A rexedora lembrou, na presentación do certame, que o primeiro concurso organizouse en Xinzo hai 33 anos, en 1990, cando se chamaba Campionato de Bandas de Gaitas. Ao longo de todo este tempo foi mudando e medrando ata reunir a formacións chegadas dende puntos de toda a Península, pero tamén de Europa ou América Latina. 

 

A Deputación colabora na celebración deste certame e aposta unha vez máis pola música tradicional. Fernández destacou a súa filosofía de servir de "canle ás bandas de gaitas da Península e un complemento educativo para o ensino". Engadiu que é un certame transmisor de "valores culturais".

Por outra banda, Dopico aproveitou a súa intervención para manifestar a necesidade de contar con maior respaldo institucional para as bandas de gaitas de Galicia, especialmente por parte da Xunta. "Non estamos tendo un eco e unha resposta adecuada á nosa presenza no mundo da cultura e da música galega, parece que somos os últimos da fila", sinalou. Polo contrario, si destacou o apoio que a Deputación lles brinda neste ámbito.

Sobre o certame, Dopico contou que se puxeron á fronte da celebración desta primeira fase a petición de Xosé Lois Foxo, director da Escola Provincial de Bandas de Gaitas. Destacou que a escola e a banda limiás son un "referente" e isto favoreceu que o interese das formacións para participar, medrase. Ademais, no marco deste certame tamén se levará a cabo o I Concurso de Gaitas e Percusión da Limia, que impresionará ao público polo talento dos participantes e que contará con "verdadeiros números un" como xuíces.

PROGRAMACIÓN:

Sábado 25 de marzo

  • 12:00 horas. Inauguración oficial dos eventos e intervención institucional de benvida da alcaldesa no Salón de Plenos dos Concello.
  • 12:15 horas. Mesa redonda interactiva "Pasado, presente e futuro das bandas de gaitas na Península Ibérica" no Salón de Plenos. Interveñen Fernando Dopico, Xosé Lois Foxo, José Ángel Hevia, Óscar Ibáñez e Jorge Gándara.
  • 16:00 horas. I Concurso de Gaitas e Percusión da Limia no salón de actos da Casa da Cultura.
  • 20:00 horas. Entrega de diplomas, agasallos e premios do I Concurso de Gaitas e Percusión da Limia no salón de actos da Casa da Cultura.
  • 20:30 horas. Concerto lúdico-didáctico de música tradicional castelá-leonesa con Carlos Beceiro e Luis Antonio Pedraza na Casa da Cultura.

 

Domingo 26 de marzo

  • 9:45 horas. Izado de bandeiras na Praza Carlos Casares, na área de competición e posterior comezo da 1ª Fase do XIV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.
  • 13:55 horas. Fin do certame co desfile das bandas dende a Praza Maior ata a Praza Carlos Casares.
  • 14:10 horas. Lectura das puntuacións e entrega de diplomas, agasallos e premios. Tamén lerá o gaiteiro internacional José Ángel Hevia o pregón e intervirán as autoridades para clausurar o evento, que rematará co arriado de bandeiras e a interpretación conxunta do "Himno do antergo reino de Galicia".

 

A organización do desfile obrigará a cortar a N-525 o domingo, para garantizar o paso das formacións participantes.