NOTICIAS XINZO | Xunta e Deputación investirán 360.000 euros en deixar á Pista Armada sen fochancas
A Xunta, o Concello de Xinzo de Limia e a Deputación de Ourense colaborarán para acondicionar a principal vía de saída do cereal da Limia. Así o trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, tras reunirse co alcalde, Amador Díaz, nunha xuntanza na que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.
A reunión serviu para avanzar na cooperación institucional entre as diferentes administracións nesta materia. Así, prevese un investimento conxunto de arredor de 360.000 euros -dos que a Deputación provincial achegará a metade- para actuar en 1.110 metros da Pista da Armada, que está considerada como a máis importante zona de tránsito para o cereal da bisbarra.
Nesta liña, o titular de Medio Rural destacou a importancia deste tipo de iniciativas para impulsar o agro da comarca limiá, unha das zonas de produción agraria máis relevantes de Galicia e nas que a Xunta, en colaboración con outras administracións, está traballando mediante diferentes medidas, encadradas no Plan Estratéxico da Limia. Precisamente, o reforzo da colaboración para desenvolver esta planificación estratéxica tamén foi abordado nesta xuntanza entre o conselleiro e o rexedor limiao.
No encontro avaliouse, así mesmo, a posibilidade de implementar un polígono agroforestal na área de Gudín. De feito, técnicos da Consellería do Medio Rural desprazaranse ata esa zona para estudar a idoneidade dos terreos e o seu potencial para desenvolver esta figura, enmarcada na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.