NOTICIAS XINZO | O PP celebra a colocación da Dama da Lagoa, que o seu Goberno encargou no 2016
O Partido Popular de Xinzo encargou, durante o seu Goberno en 2016, a Dama da Lagoa ao escultor Xosé Lois Carreira e celebran que, dende este mércores, ocupe a rotonda de entrada á vila pola A-52. Tiveron que pasar seis anos dese primeiro paso para que se culminase esta andaina, que se fixo longa, coa instalación da escultura no seu lugar, "despois de moitas vicisitudes".
Os populares sinalan que a Dama da Lagoa é "unha das grandes obras escultóricas galegas de todos os tempos" e dá prestixio á vila e a toda a comarca da Limia. Tamén destacan o significado que o escultor lle quixo conferir a esta obra, que a converte nun "xusto e perpetuo recoñecemento a todas as mulleres que deu esta húmida terra antelá". A Dama da Lagoa será a "será a homenaxe pétrea e inmortal á memoria feminina da nosa terra".
Sobre Xosé Lois Carreira, autor desta obra, resaltan o seu bo facer con esta figura e recordan outros dos seus traballos como son a Pantalla do Parque do Pombal ou a escultura de Toñito Maestro no Campo da Moreira. E non só en Xinzo están as súas obras, tamén mencionan outras como o Cigarrón e o Carboeiro que están en Verín ou a homenaxe a Juan San Martín e a obra Vidas Entrecruzadas instaladas en Eibar, ademais do NexusVI da Ponte do Milenio en Ourense.
O Partido Popular de Xinzo agradece a colaboración da Deputación de Ourense, que aportou o importe do custo desta obra cuxo "valor artístico e simbólico será sempre impagable".