NOTICIAS XINZO | A vila festexará o Nadal con preto dunha trintena de actividades
Xinzo contará este Nadal cunha variada programación de actividades para todas as idades, con especial atención aos máis cativos que desfrutarán destas datas. Case 30 actividades repartiranse no calendario festivo elaborado polo Concello dende o 10 de decembro ata o 8 de xaneiro, baixo o lema "A ilusión polo noso".
O acendido das luces será esta tarde, aínda que o vindeiro luns continuarase coa instalación de máis elementos decorativos. Ao inicio da próxima semana, quedará instalado un dos atractivos para estas festas, que será o tren do filme Polar Express. Esta iniciativa repite en Xinzo tralo seu éxito o pasado ano e atoparase na Praza Maior.
A programación, que foi presentada esta mañá pola alcaldesa, Elvira Lama; xunto co concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez; e o edil de Promoción Económica, Manuel Pérez; terá tres grandes bloques. Nun lado estará a música e o baile, onde destaca unha iniciativa da man dos rapaces da vila co nome Xplicit Prods, que traballará a arte urbana dende unha visión integradora.
Nun segundo bloque ofreceranse artes escénicas, circo, actuacións acrobáticas e maxia. E, por último, farase unha aposta polo ocio nun espazo situado na Praza Carlos Casares, onde se instalará unha carpa con atraccións para os cativos.
PROGRAMACIÓN
10 decembro
- Presentación da nova sección da Banda de Gaitas.
17 decembro
- Actuación de Nadal da Fanfarría Achicoria.
- Gala de Nadal da Escola de Baile Danzón.
21 de decembro
- Actuación do Conservatorio Municipal.
22 de decembro
- Inauguración do espazo de ocio para os máis pequenos.
- Actuación do Conservatorio Municipal.
23 de decembro
- O Apalpador visita Xinzo.
- Mostra de Nadal da Escola Fusión Fitness.
- Concerto de Nadal da Banda de Gaitas.
24 de decembro
- Papá Noel visita Xinzo.
26 de decembro
- Chocolatada de Prolimia.
- Actuación circense.
- Marta Bravo e Sergio Tannus.
27 de decembro
- Globo aerostático de Prolimia, ao que se poderá acceder cun comprobante de compra nos comercios que participen na campaña.
- Actuación clown.
28 de decembro
- Globo aerostático de Prolimia.
- Actuación circense.
29 de decembro
- Globo aerostático de Prolimia.
- Actuación de Broken Peach.
- Gala do Deporte.
30 de decembro
- Actuación clown.
- Gala de Nadal da ESMULI.
31 de decembro
- Actuación contacontos.
2 de xaneiro
- Actuación clown.
- Concerto de Xacobe Martínez Antelo Trío.
3 de xaneiro
- Actuación contacontos.
4 de xaneiro
- Xplicit Prods.
5 de xaneiro
- Cabalgata de Reis.
- Recepción dos Reis Magos no Concello.
8 de xaneiro
- Clausura do espazo de ocio.