Este sábado será a primeira cita ás 19:00 horas

NOTICIAS XINZO | O MUGAE quenta motores para o Entroido con actividades todo o mes

Entrada do Museo Galego do Entroido. | FOTO: Noelia Caseiro.

O Museo Galego do Entroido (MUGAE) abriu de novo as súa portas, de xeito permanente, o pasado mes de novembro cun novo equipo directivo. Logo de meses de traballo e, co Entroido en Xinzo á volta da esquina, esta fin de semana comezarán unha programación de actividades que terán lugar en xaneiro.

 

A primeira cita será este sábado ás 19:00 horas con "Conversas de taberna. Charla sobre o pasado, presente e futuro do Entroido de Xinzo de Limia e do seu traxe das Pantallas", que estará a cargo de Xesús Fariñas. A seguinte será o 21 de xaneiro, nesta ocasión ás 19:30 horas, coa exposición de "Máscaras de Entroido". Nesta actividade inclúese unha charla co autor da mostra, X. M. Seixas.

A última parte da programación do MUGAE neste mes de xaneiro estará destinada aos máis pequenos. O día 27, ás 18:30 horas, contarán cun contacontos interactivo sobre a orixe do Entroido e os seus ciclos. Esta actividade está pensada para nenos de 3 a 12 anos e, para participar, é preciso inscribirse. O aforo será limitado, polo que se poden anotar a través do enderezo electrónico museogalegoentroido@gmail.com.

O novo equipo directivo deste espazo cultural colleu as súas rendas ata o 2024 e fixérono co obxectivo de abrilo máis ao público, dándoo a coñecer entre a poboación limiá. As actividades serán unha constante no MUGAE para que a veciñanza de Xinzo poida desfrutar das súas instalacións e descubran o que alí se fai, sen esquecer tamén a todas aquelas persoas que cheguen dende fóra da Limia.

Programación do MUGAE deste mes.