Din que unha petición autonómica remataría con talas "inxustificadas"

NOTICIAS XINZO | Amigas das Árbores congratúlase pola acusación do PP ante os "arboricidios"

Árbore retirada na Praza Xoán XXIII, antes Praza dos Ovos.

O colectivo de Amigas das Árbores reacciona ante as acusacións do Partido Popular de Xinzo, que acusou aos seus membros de estar "caladiños" ante a tala dos exemplares da Praza Xoán XXIII. A asociación sinala que o 12 de xaneiro manifestaron o seu desacordo polo "arboricidio" que nese espazo público acometeu o Concello, e acusan ao PP de intentar "embulleirar as nosas actuacións, acusándonos de silencio segundo que cor política é a que ordea e estraga as árbores, os ecosistemas o patrimonio natural..".

 

O Concello comezou a semana pasada unha segunda fase de saneamento das árbores dos espazos públicos, retirando aquelas que estaban en mal estado e que supoñían un perigo para a poboación. Os populares aseguraron que na Praza Xoán XXIII -antes Praza dos Ovos- taláronse árbores que estaban saudables e, dende o Concello explican que "os exemplares non supoñían risco a curto prazo, pero recomendouse a substitución dos mesmos por outras árbores, de menor porte e que resistan as actuacións de poda".

Amigas das Árbores reitera que "fuxe dos intentos de manipulación, das mentiras e dos enganos; por principios éticos e morais non entra nas nosas maneiras de proceder", pero busca o lado positivo. Ante as preocupacións dos populares limiaos, que contan coa representación dun deputado no Parlamento de Galicia, o colectivo indica que "podemos estar ante o fin dos arboricidios!". "Unha petición dun deputado do PP solicitando a protección das árbores de vilas, cidades ou estradas, das árbores de valor patrimonial, dos conxuntos arbóreos singulares, da realización de programas de formación e sensibilización sobre o valor das árbores, da aplicación de criterios da arboricultura con xeito... Remataría cos arboricidios inxustificados".

Este colectivo recorda outras "desfeitas" polas que tamén se manifestaron por actuacións como as acometidas pola Consellería de Educación dentro do recinto da Universidade Laboral de Ourense ou as talas polo pé das árbores feitas pola Consellería de Infraestruturas nas estradas ourensás. Tamén se ergueron ante o "estrago patrimonial" que a Deputación está levando a cabo no Ben de Interese Cultural de San Pedro de Rocas, entre outros casos. "Laiámonos polas actuacións do conxunto das administracións públicas de Galicia, esiximos que deixen de estragar o patrimonio vivo de máis valor do país e preguntámonos, por que lle teñen xenrreira ás árbores?", din dende Amigas das Árbores.