NOTICIAS XINZO | O Entroido recupera a súa esencia tradicional con 13 días de troula
A comisión do Entroido de Xinzo, xunto co Concello, deu a coñecer esta mañá o cartel deste ano e a programación de actividades que recuperan a súa esencia trala pandemia. O 28 de xaneiro todo comezará co Petardazo e rematará o 26 de febreiro no Domingo de Piñata, polo medio quedarán 13 días de troula pensada para todos. "Volvemos ao Entroido tradicional, tal e como o coñecemos, sen as restricións dos últimos anos", destacou a alcaldesa, Elvira Lama.
O cartel creouno a deseñadora gráfica limiá Marta Rodríguez e comezarase a distribuír ao longo da próxima semana pola vila. A Pantalla, como non podía ser doutro xeito, é a protagonista xunto cunha ola, a fariña e a música que non faltará ningún día. "Chegou o tempo de sacar ese sentimento polo Entroido que levamos gardado, moi especialmente nestes últimos anos nos que non era posible facelo como é debido", apuntou Camilo Vila, membro da comisión que organiza a festa. Sobre ese sentimento, a presidenta do colectivo, Adriana Jiménez, apuntou que "é algo que non se pode explicar, porque o levamos dentro" e recoñeceu que nesta ocasión hai "máis ganas ao non haber restricións".
A comisión leva traballando na organización dende o pasado mes de outubro, xunto coa Concellería de Cultura, e recuperará todas as festas que sempre marcaron o Entroido, cun orzamento que rolda os 140.000 euros. A longo dos días haberá música cun gran número de charangas e tamén orquestas que amenizarán algunhas noites. "Nós poñemos o marco no que se vai festexar o Entroido, pero son os veciños e veciñas de Xinzo quen o fan coa súa creatividade e ilusión", indicou o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez.
A programación é a seguinte:
- 28 de xaneiro: Petardazo na Praza Carlos Casares.
- 29 de xaneiro: Domingo Fareleiro na Praza Maior.
- 4 de febreiro: Procesión dos Fachóns e Colgamento do Meco. Posteriormente haberá un concerto con Xurxo Fernandes.
- 5 de febreiro: Domingo Oleiro no que haberá grupos de gaiteiros polas rúas. Os xogos das olas terán lugar pola mañá para os máis cativos e pola tarde, para os adultos.
- 11 de febreiro: Noite de Corredoiro.
- 12 de febreiro: Domingo Corredoiro no que as Pantallas comezarán a tomar as rúas. Ao longo da xornada haberá charangas.
- 17 de febreiro: Volve o desfile infantil que se fará pola mañá, en colaboración cos centros educativos de Xinzo e da comarca que queiran participar. Pola tarde, as charangas tomarán de novo as rúas e pola noite haberá DJs, coa actuación destacada de Groove Amigos.
- 18 de febreiro: Sábado de Entroido con música nas rúas.
- 19 de febreiro: Domingo de Entroido no que se contará coa actuación dunha orquesta pola noite.
- 20 de febreiro: Luns de Entroido cunha actividade para os nenos e charangas todo o día.
- 21 de febreiro: Martes de Entroido coa novidade de que o desfile celebrarase pola mañá, ás 12:30 horas. Pola noite haberá unha orquesta.
- 22 de febreiro: Mércores de Cinsa no que se celebrará o Enterro da Sardiña.
- 26 de febreiro: Domingo de Piñata con actividades infantís e amenización de charangas. Pola noite, actuará unha orquesta.
A novidade deste ano é que o desfile móvese á mañá do Martes de Entroido para facilitar a asistencia dos participantes, xa que nas últimas ocasións tivo que facerse o Domingo de Piñata polas condicións meteorolóxicas. "Dende a comisión consideramos que o martes aínda hai moitos grupos que teñen aos seus integrantes en Xinzo e será máis doado que desfruten do Entroido todo o día", explicou Jiménez. No caso de que o tempo non acompañe, moverase para o domingo. Ademais, entregarán premios aos participantes de 4.000 euros en total.
O operativo de seguridade aínda non está rematado e quedan pendentes algunhas reunións con Policía Local e Garda Civil, segundo confirmou a alcaldesa. A presencia do camión do posto de mando avanzado da Axencia Galega de Emerxencias xa está solicitada. Para o día do Petardazo, Lama sinalou que está previsto o corte da N-525 ao igual que noutras xornadas como a do desfile ou nas que poida haber maior afluencia de persoas. Os Puntos Violeta volverán estar presentes no Entroido para "protexer a todos os participantes".
Polo momento, as praza hoteleiras "están a tope", segundo confirmou Lama, e agárdase que o Entroido de Xinzo volva ser un éxito de afluencia.