O subdelegado do Goberno, Emilio González, estivo presente

NOTICIAS XINZO | Primeira xuntanza para organizar o plan de seguridade do Entroido

Primeira xunta de seguridade polo Entroido na que estivo presente o subdelegado do Goberno, Emilio González.

Xa non queda nada para o comezo do Entroido de Xinzo e, este mércores, o Concello mantivo a primeira xunta coas partes implicadas na organización do plan de seguridade para esta festa. A rexedora, Elvira Lama, presidiu a reunión acompañada do subdelegado do Goberno, Emilio González, para estudar as medidas do plan de autoprotección do Entroido, evento que atrae a miles de persoas ata a vila e que é de Interese Turístico Internacional.

A semana pasada, na presentación da programación do Entroido, Lama non adiantou nada deste plan xa que aínda non se reuniran coas forzas de seguridade. Este mércores, acompañados de membros da Garda Civil, Policía Local e Bombeiros de Xinzo, trazaron algunhas medidas.

González pediu a máxima colaboración doutras administracións, en especial da Xunta, así como a da cidadanía para que o festexo se desenvolva coa maior seguridade posible, xa que se espera unha gran afluencia de xente. Lama explicou as medidas do plan elaborado en conxunto coas forzas de seguridade e que xa estará en marcha esta fin de semana, na que comeza o Entroido de Xinzo co Petardazo o sábado e co Domingo Fareleiro.

 

Ademais, Lama confirmaba na presentación da programación a solicitude da presencia do posto de mando avanzado da Axencia Galega de Emerxencias, igual que en 2022 e antes da pandemia. Outra das medidas de seguridade que se repetirán son os Puntos Violeta que estarán presentes para evitar as agresións machistas e protexer, especialmente, ás participantes.