NOTICIAS XINZO | Comerciantes da vila reúnense co BNG para solucionar os problemas da feira
Comerciantes da rúa San Roque e arredores mantiveron unha xuntanza co BNG para abordar o problema que causou o cambio de ubicación da feira. No encontro, representantes do comercio falaron con Camilo Vila, candidato dos nacionalistas á alcaldía de Xinzo nas eleccións municipais, para falar do malestar existente e dos pasos que están a dar para que se reverta esta situación.
O pasado mes de marzo, unha vintena de comerciantes lograron recopilar un millar de sinaturas pedindo ao Concello que as feiras do 14 e o 27 regresen á súa ubicación orixinal e deixe os arredores do Torual. "Este é un tema que está enquistado e xa non é cuestión de onde está a feira, senón da posición de por que a feira ten que estar alí e a negativa de crear unha mesa de negociación para solucionalo", asegurou Vila.
Os organizadores da recollida de firmas pretenden reunirse cos líderes dos partidos políticos para achegarlles os problemas que están a ter. No caso do representante do BNG, Vila comprometeuse, coa "xente da rúa San Roque e arredores", a tomar medidas "no momento no que teña dereito de falar por eles a nivel institucional". Mentres isto non acontece, agardando ás eleccións municipais, o portavoz nacionalista asegurou que os animou a "fixar prazos" e amosou a súa vontade de "asignarlle unha prioridade no escenario político" tralo 28 de maio, porque "estou para traballar polos veciños".
Vila recalcou que lle "preocupa" o enquistado que se atopa este tema e o "malestar" que xera cara ó Concello e nos veciños e comerciantes, no caso destes últimos chegando a afectarlles económicamente aos seus negocios. "Estase asociando unha crispación a un referente da nosa cultura limiá e fai falta esforzo para buscar solucións", engadiu o candidato. Vila destacou que "é o momento de xuntarse todas as forzas políticas con representantes dos veciños e asociacións" que se vexan afectadas por este cambio de ubicación. "Non pode ser imposible atopar un arranxo", engadiu.
O candidato do BNG ás municipais en Xinzo recordou que o problema coa feira, referente na comarca, non só repercute aos veciños e negocios das rúas onde se situaba con anterioridade, "transcende máis aló e perxudícanos a todos". "Se o concello de Xinzo, como localidade, non pode arranxar isto, non estamos preparados para o que está por vir", rematou.