NOTICIAS XINZO | O PSdeG traballa en iniciativas para axudar ao pobo marroquí tralo terremoto
O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, encabezou unha delegación que visitou esta fin de semana Xinzo para encontrarse coa numerosa comunidade marroquí da vila e trasladarlles “toda a solidariedade e soporte” do partido tralo terremoto rexistrado en Marrocos. Villarino adiantou que a comunidade marroquí de Ourense “pode contar coa total colaboración” dos concelleiros socialistas na provincia e co grupo provincial na Deputación “nestes momentos tan difíciles”.
Villarino estivo acompañado pola voceira socialista en Xinzo e deputada provincial, Elvira Lama, os concelleiros do PSdeG-PSOE na corporación local e os secretarios de emigración e relacións internacionais da executiva provincial, Luís Gulín e David Alvarado. “Na medida das nosas posibilidades, os socialistas faremos todo o posible para contribuir a paliar os efectos da traxedia que está vivindo Marrocos, de onde son orixinarios algúns dos nosos veciños en diferentes municipios da provincia, nomeadamente Xinzo”, afirmou Villarino.
Nesta mesma liña incidiu Lama, quen non deixou de subliñar o “inxente traballo” dos servizos sociais do Concello baixo o seu mandato “a favor da acollida de todas as persoas migrantes da comarca da Limia”. Segundo a ex-alcaldesa, que mantivo o contacto coa comunidade desde que trascendeu a noticia do terremoto, “somos un referente de diversidade cultural e convivencia en Galicia, de aí a nosa particular sensibilidade cando no país de orixe das nosas veciñas e veciños ocorren semellantes catástrofes, que non nos deixan indiferentes a ningún de nós”.
Durante o encontro coa comunidade musulmana, a delegación socialista desvelou que se están a traballar en diferentes iniciativas dirixidas a axudar a Marrocos, tanto nos concellos onde gobernan como alí onde son oposición, e tamén desde a propia Deputación. “Estamos a avaliar a implementación de axudas directas, campañas de recollida de fondos, alimentos, roupa e todo aquelo que poda ser útil neste momento, e mesmo estamos a valorar a capacidade dos nosos concellos para eventualmente acoller a damnificados”, explicou Alvarado. “Aínda non estamos en disposición de concretar estas medidas porque queremos que sexan eficaces e non un mero anuncio”, concluíu Luís Gulín.