NOTICIAS XINZO | O Concello acomete a reforma do firme nas rúas San Sebastián, Rosalía de Castro
O Concello de Xinzo de Limia adxudicou importantes actuacións de pavimentación nas rúas San Sebastián, Rosalía de Castro e Formigueiro, tres das máis transitadas e comerciais da vila. Estas obras, financiadas pola Deputación de Ourense cun importe total de 48.380,50 euros, forman parte dun plan máis amplo de renovación das rúas do municipio, que inclúe outras intervencións xa en marcha ou previstas para as próximas semanas.
As melloras consisten na renovación completa do firme mediante aglomerado en quente de 5 cm de grosor, garantindo así maior resistencia e durabilidade nas vías, sometidas a un uso constante. Tamén se procederá ao pintado das liñas de circulación e á adaptación das tapas de sumidoiros e servizos ao novo nivel da calzada, asegurando unha superficie uniforme e máis segura para a circulación.
Estas actuacións nas rúas San Sebastián, Rosalía de Castro e Formigueiro complétanse coas obras que xa están en execución na rúa Dous de Maio e co inminente comezo das melloras na Pista da Armada. O Concello mantén a súa aposta por unha renovación integral do viario, que tamén inclúe intervencións no rural, como as que se están a realizar nas pistas de concentración parcelaria.
Moncho Gómez, concelleiro de Obras e Infraestruturas, sinalou que estas obras forman parte dun plan coordinado que se está levando a cabo en varias fases e que ten como obxectivo modernizar e mellorar o estado das rúas da vila. "As rúas San Sebastián, Rosalía de Castro e Formigueiro son fundamentais para o tráfico no centro urbano, e a súa renovación permitirá mellorar tanto o tránsito rodado como o acceso ás áreas comerciais. O noso obxectivo é que todo o Concello, tanto na vila coma no rural, se vexa beneficiado por estas actuacións", comentou o edil.
Con este conxunto de obras, o Concello de Xinzo de Limia continúa avanzando na reparación das principais rúas do municipio, atendendo ás necesidades da veciñanza e garantindo que as infraestruturas se adapten aos niveis de uso e tráfico que se experimentan na vila. O plan de mellora proseguirá nas próximas semanas, consolidando así o esforzo do Concello por dotar o municipio de vías máis seguras e eficientes.