Novas medidas especiais e máis dispositivos para garantilo seguro e libre de violencia

NOTICIAS XINZO | O Concello reforza a seguridade para o Entroido 2025

Reunión dos diferentes corpos de seguridade e Concello para levar adiante o Plan de Seguridade do Entroido 2025.

O Concello de Xinzo de Limia ten todo preparado para garantir a seguridade durante o Entroido 2025, recoñecido como Festa de Interese Turístico Internacional e unha das citas máis multitudinarias do calendario festivo galego.

Como en anos anteriores, o Plan de Autoprotección do evento establece medidas de prevención e resposta ante posibles incidencias, contando cunha coordinación eficaz entre os distintos corpos de seguridade e emerxencias.

Unha das principais novidades deste ano é a ampliación da furgoneta violeta, que velará pola seguridade das mulleres ante agresións machistas e que, ademais de estar operativa nos días grandes do Entroido, estará presente tamén no Petardazo. Asemade, debido á gran afluencia de persoas prevista para ese día, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) instalará o camión de posto de mando avanzado para mellorar a resposta ante calquera eventualidade.

Durante as xornadas festivas, o dispositivo de seguridade contará coa participación do Parque de Bombeiros de Xinzo de Limia, Policía Local, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil. Estará operativo un posto médico de auxilios, así como efectivos de Cruz Vermella e do CIM para ofrecer unha resposta rápida e coordinada ante calquera incidencia.

Tamén se reforzará a videovixilancia en puntos estratéxicos da vila, garantindo maior seguridade para veciños e visitantes.

O alcalde, Amador Díaz, fai un chamamento ao civismo: "O Entroido é unha festa de todas e todos, e para iso é fundamental o respecto e a colaboración da cidadanía".