NOTICIAS XINZO | A hostalería da vila denuncia o fomento do botellón en excursións ao Entroido
Ante a publicidade xerada por unha empresa de transporte, xa coñecida dende fai anos, da cal consideramos que non aporta nada positivo, ao noso Entroido, nin o respeto que todos lle temos e preservamos, nin ningún tipo de beneficio para os negocios de todo tipo da nosa vila, especialmente da hostalaría, máis ben todo o contrario, estamos profundamente sorprendidos e enfadados.
Por todos é sabido o tipo de "clientela" que aporta este tipo de supostas excursións programadas que ofertan viaxe con bebida incluída. Este ano, por se non fora de abondo, acompañan a súa publicidade co eslogan: "PUEDES TRAER TU PROPIA BEBIDA" fomentando o que tanto os entroideiros e entroideiras, como o sector da hostalaría tratamos de evitar, que a nosa festa máis querida e apreciada, o Entroido, sexa un "botellódromo" no centro da vila.
Temos que engadir que esta proposta, que "a proiori" poda parecer interesante, tan só trae a Xinzo unha maior posibilidade de padecer altercados nos nosos establecementos, cando os visitantes que transportan alteran a convivencia cos seus comportamentos, cas consecuencias negativas que iso supón para nós e para a nosa clientela.
Con este tipo de ofertas de transporte, no que se permite viaxar coas bebidas a bordo, estase a favorecer e a facilitar o que ven inmediatamente despois, os excesos e o posterior vandalismo, tanto nas rúas e edificios da vila como nos nosos establecementos.
Somos conscientes de que é difícil evitar ou prohibir que unha empresa faga o seu traballo, ou máis ben o seu negocio, pero tamén estamos seguros de que as distintas administracións, especialmente o noso concello e os seus representantes, algo poderán facer para protexer os negocios da vila que somos os que durante todo o ano contribuímos coas nosas taxas e licenzas a prosperidade económica das arcas municipais.
Todo isto por non falar do lixo, e dos destrozos que se poden provocar con este tipo de ofertas tan "atractivas" que só deixan no pobo elevados custes en limpeza e reparacións que pagamos finalmente tódolos veciños e veciñas de Xinzo polos motivos anteriormente descritos pedimos que:
- Por parte da Concellaría de Festexos se comunique a empresa anunciadora que non fomente nin facilite o botellón nas viaxes con destino ao Entroido de Xinzo e que se absteña de publicitar "PUEDES TRAER TU PROPIA BEBIDA".
- Por parte da Concellaría de Seguridade Cidadá se comunique as forzas e corpos de seguridade de Estado, Policía nacional e Garda civil o control e a vixilancia exhaustiva en orixe, deste tipo de transporte de Ourense a Xinzo, para evitar que os usuarios e usuarias cheguen a destino con bebidas alcohólicas e nalgún caso en estado de embriaguez.
- Por parte da Policía Local e do dispositivo de seguridade do Entroido 2025, que non se facilite o estacionamento de ditos autobuses no centro da vila, (Estación de autobuses) e que se habilite estacionamento disuasorio na explanada dos IES.