NOTICIAS XINZO | A Xunta prohibe as queimas agrícolas e forestais de particulares en Galicia
A partir deste xoves, 10 de abril, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso.
Esta medida supón que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir do xoves. Quedan fóra desta prohibición as queimas prescritas que executa o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos.
Esta decisión adoptouse despois de avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este xoves e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.