NOTICIAS XINZO | A UNED impartirá un novo curso de lingua de signos en marzo
A finais do pasado ano, a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) ofreceu en Xinzo un curso de lingua de signos que terá continuidade no vindeiro marzo. As sesións deseonvolveranse do 7 ao 30 de dito mes para achegar aos participantes á vida cotiá das persoas xordas. Para asistir só se precisará ter un coñecemento básico desta lingua ou ter superado o curso de iniciación, que rematou en novembro e foi un "gran éxito" de participación cunha vintena de persoas de diferentes cidades galegas.
Os interesados en continuar coa súa formación en lingua de signos poderá matricularse a partir de mañá para participar nas clases. Nelas, realizarase un repaso dos contidos básicos aprendidos e traballarase noutros aspectos gramaticais máis complexos, que permitirán adquirir ferramentas básicas para compensar as diferencias entre a lingua oral e a de signos, o que facilitará manter con certa fluidez conversas básicas sobre varias cuestións.
Unha intérprete de lingua de signos impartirá as sesións que terán unha duración de dúas horas e media. En total, o curso constará de 12 sesións nas que se tratará contido léxico, gramatical, sociocultural e pragmático e realizaranse actividades de comprensión e expresión. Deste xeito, as clases desenvolveranse de forma práctica case na súa totalidade.
Esta iniciativa ten por obxectivo coñecer e comprender o mundo das persoas xordas; utilizar estruturas básicas de uso frecuente; comprender vocabulario e frases sinxelas; saber expresar enunciados simples e compostos e participar en intercambios comunicativos breves de forma fluída.