O Plan Local de Saúde de Xinzo busca promocionar o estilo de vida saudable na poboación
Os problemas de saúde dos diferentes segmentos da poboación de Xinzo serán o punto de partida para mellorar a súa calidade de vida. Nesta máxima sustentase o primeiro Plan Local de Saúde do municipio. Os problemas psicolóxicos derivados da pandemia, a soidade dos maiores, a obesidade infantil, o consumo de bebidas azucradas, a necesidade de mellorar os desprazamentos en carril bici ou as adiccións no sentido máis amplo (medicamentos, substancias, alcol ou tabaco) foron algúns dos problemas que tratou o Concello xunto cos profesionais do centro de saúde e do centro de día e representantes dos catro centros escolares de primaria e secundaria da vila.
A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, explicou que "traballadores sociais, educadores sociais, especialistas sanitarios, do ámbito deportivo, da igualdade de xénero e da sociedade civil irán achegando en cada área as carencias, os problemas e os activos necesarios para dar cunha solución que sexa posible e real".
Entre os obxectivos do plan están a promoción de estilos de vida saudable, a detección de problemas na saúde da cidadanía ou a identificación das enfermidades predominantes entre a poboación, así como das súas causas.