Piden unha ordenanza municipal que protexa aos peóns e regule a circulación destes vehículos

O PSOE de Xinzo esixe unha regulación urxente para os "patinetes eléctricos"

Elvira Lama xunto ao seu equipo nun dos plenos do Concello de Xinzo de Limia.

O PSdeG-PSOE de Xinzo vén de presentar unha moción para seu debate en sesión plenaria na que insta ao goberno municipal á elaboración dunha ordenanza municipal que regule a circulación dos vehículos de mobilidade persoal e similares no concello de Xinzo. As e os socialistas solicitan que o concello proceda a redacción de dita ordenanza reguladora en colaboración cos departamentos da policía local e de urbanismo e que unha vez redactada, se someta á aprobación da corporación á "maior brevidade" para a súa publicación e entrada en vigor.

Dende o grupo municipal socialista explican que a mobilidade no casco urbano de Xinzo, ao igual que sucede noutros concellos e nas cidades, "ten sufrido modificacións nas formas de desprazamento". Neste senso sinalan que "cada día son máis habituais os vehículos de mobilidade persoal (VPM)", feito que segundo apuntan "vai en aumento e fai imprescindible que o concello, no exercicio das súas competencias, actúe para protexer os intereses da veciñanza no uso e desfrute dos espazos públicos".

A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, considera que "a protección dos peóns debe ser un principio fundamental para protexelos sempre, tanto nas vías urbanos como nos espazos públicos". Tal e como explica "son varios os veciños e as veciñas que xa teñen sufrido algún susto e máis algunha lesión provocada por este tipo de vehículos e desprazamentos, que na nosa vila, chaira e sen costas, superan con creces a velocidade permitida".

Lama Fernández explica que a competencia a hora de regular os espazos públicos por onde poden o non poden circular estes vehículos "é dos concellos". Ante esta circunstancia considera "imprescindible a aprobación desta ordenanza que protexa aos viandantes e ao mesmo tempo as persoas que utilizan este tipo de aparellos, para que saiban por onde poden circular ou non, en aras de fomentar o uso responsable deste transporte, sen alterar a seguridade e a mobilidade dos peóns do noso concello".

O PSdeG-PSOE de Xinzo subliña que o incremento do uso deste tipo de VMP pola vila "é máis que notable", o que segundo apuntan "aumenta a inseguridade dos peóns de tódalas idades, tanto maiores como pais e nais con menores, que teñen que ir constantemente pendentes ante a posibilidade de algún tipo de vehículo destas características poida irrumpir e provocar algún tipo de accidente".

Lembran que entre as condicións mínimas establecidas pola DXT "está prohibido que vaian polas beirarrúas, zonas peonís, vías interurbanas ou túneles no ámbito urbano e que as vías autorizadas para circular deberán estar indicadas na ordenanza municipal, xa que de non existir, poderían empregar calquera calzada urbana". Tamén apunta a DXT a que a velocidade deberá estar entre os 6 e os 25 km/h.