“A Raíña”: A esencia da Pantalla revive na Rúa dos Viños este Nadal

NOTICIAS XINZO | A fotógrafa Noelia Caseiro amosa a alma do Entroido

Amador Díaz, Noelia Caseiro e Carlos Gómez.

O Concello de Xinzo de Limia anuncia a inauguración da exposición fotográfica "A Raíña", da fotógrafa Noelia Caseiro. Esta mostra, que se estreará o 13 de decembro de 2024 na Rúa dos Viños, é unha homenaxe á figura da Pantalla, símbolo icónico do noso Entroido e orgullo de Xinzo, e permanecerá instalada durante todo o Nadal.

A exposición, a través das lentes de Noelia Caseiro, recolle a esencia da Pantalla, capturando o espírito, a forza e a tradición deste personaxe que cobra vida cada ano no noso casco histórico. As Pantallas corren, brincan e sufaldrean pola Rúa dos Viños, convertendo este espazo no auténtico corazón do Entroido de Xinzo. A Pantalla representa a figura máis emblemática do noso patrimonio cultural, sendo protagonista indiscutible do Entroido máis longo de Europa.

Cartel da Exposición "A Raíña". 

 

A elección da Rúa dos Viños e dos seus locais de hostalaría como localización para esta exposición non é casual. Esta zona histórica, co seu ambiente único, é o punto neurálxico da acción das Pantallas durante o Entroido. Aquí, cada recuncho cobra vida coa presenza destes personaxes ancestrais, que manteñen viva a tradición e a identidade de Xinzo. Ademais, esta iniciativa representa unha aposta decidida do Concello de Xinzo pola revitalización desta emblemática rúa, apoiando ao sector hostaleiro,  fundamental para o dinamismo e a vitalidade da vila, especialmente na Rúa dos Viños.

A exposición "A Raíña" é unha oportunidade única para mergullarse na alma do noso Entroido, coñecer de preto o legado das Pantallas e celebrar a nosa cultura a través da fotografía. Un traballo imprescindible para veciñas e veciños, visitantes e amantes do Entroido.