CORONAVIRUS A LIMIA | A comarca baixa dos 400 contaxios e Xinzo ve reducida a incidencia noutro 6%
A tendencia á baixa no número de casos activos de covid-19 mantense na maioría dos concellos limiaos. Xinzo ve reducirse a cifra outro 6% nun día e camiña cara unha situación semellante á de antes do 6 de xaneiro. En calquera caso, o risco de contaxio coa variante Ómicron segue presente e os responsábeis sanitarios seguen mantendo a cautela. A sexta onda parece remitir, mais o descenso das cifras é lento.
No resto de concellos os descensos volveron ser xeneralizados este martes. Os Blancos, Rairiz, Trasmiras e Vilar de Barrio, ao igual que Xinzo, rexistran menos casos que onte. En Baltar, Porqueira e Sandiás non houbo variación. A comarca baixou dos 400 casos activos até un total hoxe de 388.
O aumento máis importante produciuse en Calvos, onde apareceron positivos que incrementan os casos activos até 14 (o máximo neste concello), cunha suba nun só día do 55%. Tamén aumentaron os casos en Sarreaus e Vilar de Santos.
Respecto ao cribado de onte, o SERGAS informou de que en Xinzo se detectaron 4 positivos en 39 test realizados.
Así están os rexistros
BALTAR (variación =) 13 (activos)
OS BLANCOS (-1) 12
CALVOS DE RANDÍN (+5) 14
PORQUEIRA (=) 21
RAIRIZ DE VEIGA (-4) 12
SANDIÁS (=) 33
SARREAUS (+1) 19
TRASMIRAS (-5) 10
VILAR DE BARRIO (-1) 16
VILAR DE SANTOS (+2) 21
XINZO DE LIMIA (-14) 217