🔴 ÚLTIMA HORA | Excarceran o copiloto dun dos vehículos que chocaron na pista da Armada en Xinzo
Pouco despois das 15:30 horas deste vernes o sistema 'e Call' instalado nun vehículo que sufriu un accidente na pista da Armada, xunto á rotonda das piscinas en Xinzo de Limia, lanzou a alerta ao 112. Inmediatamente desprazáronse ao lugar do sinistro os servizos de Emerxencia. O que se atoparon foi unha colisión fronto-lateral entre dous turismos. Os bombeiros de Xinzo foron os encargados de excarcerar á persoa que ocupaba o asento do copiloto nun dos vehículos, da marca Hyundai, que aparentemente foi o que sufriu os maiores danos.
Os bombeiros retiraron a porta do copiloto, onde se produciu o impacto. Os servizos sanitarios atenden a esta hora ao ferido no lugar do accidente á espera do traslado. Os demais ocupantes dos coches sinistrados non sufriron feridas de consideración.
Ao parecer, un vehículo modelo da marca SEAT, con varios ocupantes no interior, xirou para incorporarse desde a rotonda á pista da Armada e bateu contra o Hyundai que manobraba para tomar a rotonda. Ningún dos ocupantes do SEAT sufriu aparentemente feridas.
Ao lugar do accidente desprazáronse dúas unidades dos bombeiros, unha da Policía Local de Xinzo que levantou o atestado do sinistro e unha unidade do 061 de Xinzo.